Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Hipertrofia de sinais

    TAMÉN podíamos dicer, tomando prestada a suxestión dunha amiga compostelana “inflación sinaléctica”. Todo comezou cunha multa por esceso de volocidade. Despois de pagar, e como se tivese cometido un crime, voltei ao lugar dos feitos. Fixen o percurso ao revés, é dicer, de Lalín cara a Lugo. Nos 17 Km. que separan Lalín d’Agolada contei 153 sinais. Hai sinais de todo tipo: informativos, orientativos, insinuativos, avisadores, prohibidores, evidenciadores, redundantes e, finalmente, os de maior interese: multadores en si mesmos (naceron e son esencialmente só para iso). Somos o reino dos sinais: unha potencia en sinais.

    Temos sinais para ler, para desbotar, para regalar, para exportar, para restaurar, para reconverter, para enterrar e, afinal, para eliminar. Mais no medio dese maremagnum de sinais, unha condutora que se precie e non queira contribuír innecesariamente ao aumento dos ingresos do Estado –vía multas de tráfico– debe ter un sexto sentido (ou un avisador de radares) para non incorrer en pagos superfluos. 153 sinais en 17 km. é igual que sobresaturar de información, o que finalmente se acaba convertendo en totalmente inútil. É fisicamente imposíbel conducir e procesar correctamente información de 153 sinais en 17 km.

    Fixándonos na información que subministran os citados sinais, concluímos que podemos aportar uns consellos aos responsábeis correspondentes da sinaléctica nas estradas galegas, que moito me temo que partan dun deseño de estradas con predominio mesetario e, claro, ao chegar a Galiza, curva que hai, curva que sinalan. Mal feito. Debemos aforrar sinais, que os materiais están moi caros e logo hai que repoñelos; que aquí coa humidade ambiente axiña se oxidan e se adornan con liques (mesmo algúns están tapados pola vexetación vizosa que os circunda).

    A primeira maneira de aforrar sinais é non anunciar curvas en Galiza. É mellor ao revés: aquí, anunciar rectas. Por exemplo, na Terra Cha, único lugar na Galiza en que hai rectas, pór un aviso ao principio en dobre sentido que diga: ollo: tramo recto, non se perda, prohibido ir a máis de tanto (o que se determinar), e, para completar a información, pór nas entradas de Galiza desde León, Zamora, Asturias e Portugal un sinal que informe: “Entran vostedes no país das curvas”.

    En Galiza hai curvas nas congostras (quen puido imaxinar unha congostra recta?); pasando polos camiños vellos; seguindo polas estradas provinciais, autonómicas, estatais; as autovías, as autoestradas; todas teñen curvas, están trazadas en curva continua, non poden esquecer que este é un país curvo mesmo orograficamente falando. Para que gastar en sinais que anuncien curvas, se o normal, habitual, permanente, son as curvas?

    Imaxínense cantos sinais de curvas sobran. Cando hai algo evidente, non cómpre anuncialo: é á inversa, débese anunciar o extraordinario, para que os usuarios das estradas se poñan sobreaviso e estando en alerta actúen en consecuencia. Outra cuestión problemática que observei –cun método de análise só de visu– foi que, en cambio, faltan sinais verdadeiramente informativos: prohibido pasar de 50/hora, e logo só aparece a eliminación da prohibición de ir a máis de 80: aí falta algo.

    Resumo: alguén debe poñer man no asunto, en nome da eficacia e sostenibilidade do gasto público.

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.