Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 30 noviembre 2022
15:40
h

Iconos de nación

    ESTOUTRO día falabamos de economía, pero hoxe imos falar de iconomía, que é unha subespecialidade das ciencias sociais que trata dos diversos iconos (e iconas) do mundo do espectáculo, a moda, a televisión, a jet (society), e outras jetas. Ou sexa, o que con brocha gorda a xente chama “o famoseo”. Pero, como di a famosa top model Karlie Kloss (que andou hai uns días por Coruña), debemos distinguir entre ser famosa e facerse famosa.

    Desde hai tempo teño a Karlie Kloss coma o meu icono favorito (icona favorita soa horrible, e había que correr a fungueirazos ao filólogo de palleiro que penetrou a nosa sensibilidade lingüística con ese arreitado diferencialismo), porque ela non só é longa de pernas senón de neuronas, cousa que moi poucas veces se cumpre entre as famosas. Nisto tamén ten feito graciosamente diferenza Kloss cando di que non é o mesmo medir (por fóra) ca medrar (por dentro).

    E que pasa co noso sistema iconómico galego? Pois pasa que leva moito tempo reprimido. Aquí temos unhas famosas de baixa intensidade. Se cadra por culpa da coñecida síndrome do medo ás connotacións pexorativas da palabra gallego (e gallega), tipificada pola deputada Rosa Díez en célebre ocasión. Pero hai motivo para a esperanza porque, se seguimos un pouco a nosa televisión como referente avanzado en materia iconómica, ultimamente observamos unha subida da presenza dos nosos famosos na pantalla autonómica. Por exemplo, no programa Land Rober os guionistas (aí talento habelo haino) viñan aproveitando para os seus sketchs como “incidente incitador” –que diría Robert McKee– o chamado efecto tamarindo, que consiste en ir indo de Tamara (Falcó) a Shakira (Piqué), e outras famosas foráneas, preterindo os nosos famosos e famosas de nación (galega).

    Pero de súpeto aparece en Land Rober o gran Fernando Ónega a dicir cousas de substancia, e nunha seguinte semana aparece o gran Luís Zahera a dicir mariasantisma. Iconos nosos. E esperamos que por aí vaiamos indo porque Ónega é coma o noso icono Walter Lippman, Zahera é coma o noso icono Robert De Niro, e de seguido e pasando ás famosas, Eva Iglesias (por non saír de Land Rober) vén sendo coma o noso icono Julia Roberts. O que pasa é que os guionistas téñena encasillada en papeles peixentos (non é o mesmo ca peixeiros), que non conducen a ser famosa senón só a facerse famosa, como diría outra vez Karlie Kloss. Porque a nosa Iglesias, que moito nos namora aos vellos e moita actriz leva dentro, ben podería protagonizar mesmo un remake de Notting Hill ou de Pretty Woman, e que se quite do medio Julia Roberts. Temos que confiar no xenio do noso star system, aínda que por España abaixo che poidan chamar (“en el sentido más peyorativo de la palabra”) gallego. Ou incluso galleguito.

    25 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito