Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Incivilidade desenmascarada

    E nestas perigosas circunstancias –coa pandemia global aínda máis– despréndese que a vida urbana exixe un tipo de habilidade bastante especial e sofisticada, que, segundo palabras do prestixioso sociólogo Richard Sennett, da London School of Economics e da University of New York, consignou baixo o rótulo de civilidade, ou sexa, a actividade que protexe mutuamente ás persoas e que, nembargantes, lles permite desfrutar da súa mutua compañía.

    E, entón, referiuse ao uso dunha máscara como esencia da civilidade. Xa que as máscaras, dicía, permiten unha sociabilidade pura, allea ás circunstancias do poder, o malestar e os sentimentos privados de todas as persoas que as levan prescindindo e menosprezando toda a normatividade social que rexe nestes tempos.

    O propósito da civilidade é protexer aos demais da carga dun mesmo (The Fall of Public Man: on the Social Psychology of Capitalism). Naturalmente agárdase que o propósito sexa recíproco. A civilidade, coma a linguaxe, non pode ser privada. A civilidade debe ser unha característica do entorno social. O entorno urbano debe ser civil para que os seus habitantes poidan aprender e adquirir a formación da civilidade.

    Unha ampla estrutura urbana que sexa civil é un lugar grato para a práctica desa civilidade e, conforme se nos ten indicado, unha provisión de espazos a compartir como persoas públicas sen que se lles inste ou obrigue a se quitar a máscara e se soltar, expresar, confesar os seus sentimentos e exhibir os seus pensamentos, manías e preocupacións.

    Significa tamén unha cidade que se presenta aos residentes como ben social que non compre reducilo a un conxunto de vulgaridades e barbaridades de grotesco e vicioso comportamento vandálico, que comete actos incívicos nun xeito de vida cívico no que usar unha máscara protectora é un acto de compromiso e participación colectiva, e non de descompromiso que opta por saír das relacións e o involucramento mutuos e sumarse a grupos incívicos que, fronte ás necesarias normas de coincidencia e convivencia na actuación social, contribúen á expansión en etapas –como as que vivimos na difusión do coronavirus– dun grande perigo público.

    As multitudes que enchen eses locais e terrazas de consumo son amontoamentos incivís. Empregando a expresiva denominación de Althusser todos quen entran neses espazos son “interpelados”. En conformidade co parecer do profesor Ronald V. Clark da Escola de Xustiza Criminal de Rutgers, citado pola profesora Lucía Carmina Jasso López, é recomendábel que se reduza a tentación e se repare axiña calquera acto de vandalismo.

    Respecto ao consumo de drogas é moi aconsellábel que se repliquen programas de atención e prevención do seu consumo e a difusión da súa expansión e consumo de alcohol e drogas en espazos públicos como establece a lei. Coa protección da máscara, sen excepcións, é imprescindíbel que os gobernos e as comunidades nas cidades traballen en conxunto e manteñan con firmeza o control no público espazo.

    21 feb 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito