Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

India, como exemplo do esgotamento do sistema

    A atención dos países máis desenvoltos en relación coa pandemia do covid-19 está neste intre enfocada na India, tanto polo número de contaxios, como polo feito de que o seu sistema sanitario está totalmente desbordado. Non é unha cuestión menor porque se trata dun país-continente, de máis de tres millóns de quilómetros cadrados, e cuns 1.400 millóns de habitantes, só superado neste aspecto por China (por pouco tempo). Agora ben, sendo unha situación de emerxencia, que non se pode agochar, nen deixar de atender, o certo é que en número de persoas mortas están por riba nacións como os Estados Unidos (569 mil), Brasil (381 mil), México (213 mil)... e súmanse uns catro mil cada día.

    Sería un erro considerar a realidade neste enorme país a partir exclusivamente das imaxes que non chegaron estes días, de persoas morrendo nas rúas, de falta de leitos nos hospitais e respiradores, etc. A India é máis complexa, trátase da terceira economía do planeta, se consideramos o PIB en capacidade de merca (PPA). Polo que a crise terá efectos sobre a economía mundial, se non se controla a pandemia. Tampouco se pode obviar que India produce o 70% de todas as vacinas do mundo. Mais só unha pequena cantidade das do covid-19, o que amosa o carácter subalterno en materia tecnolóxica e científica, e as trampas da produción en escala. Daquela que exista un forte contraste social tanto entre clases como entre os estados que a integran, que se agravou notabelmente coa estrema dereita no governo, que práctica políticas neoliberais e alenta a desigualdade e a confrontación relixiosa, especialmente coa minoría musulmá. Estas prácticas regresivas e agresivas evitáronse en Kerala e Tamil Nadu, estados nos que governa a oposición.

    En Kerala a Fronte Democrática de Esquerda (liderada polo Partido Comunista da India -marxista-) acaba de gañar as eleccións o pasado 2 de maio conquistando 99 postos dos 140 que integran a Asemblea do estado. Os outros 41 corresponden a unha fronte agrupada arredor do Partido do Congreso, mentres que a dereita, que governa na India, o BJP (Bharatiya Janata Party), perdeu o único representante que tiña. Deste xeito a Fronte repite no governo, malia que é un dos estados onde máis está afectando neste intre a vaga da pandemia, a diferencia do ano pasado no que as medidas de prevención amosáronse moi eficaces. Porén, sen dúbida axudou a esta reelección que sexa o estado da India cun maior índice de desenvolvemento humano e teña os menores porcentaxes de pobreza, e que un 90% da povoacion estea alfabetizada. Algúns medios culpan aos masivos mitins da campaña electoral o estoupido dos contaxios,...

    En relación coa xestión do desenvolvemento, despois da independencia o estado de Kerala promoveu unha economía do benestar con orientación socialista. Desde os anos 1990, coa avance da globalización neoliberal, a economía mixta permitiu regular o capitalismo e restrinxir o investimento estranxeiro en función das necesidades sociais, o que levou á expansión económica e o aumento do emprego. Algúns datos demográficos. Kerala abrangue só 38 mil quilómetros cadrados nos que viven uns 35 millóns de persoas, ou sexa, ten unha das densidades de povoación máis altas da India e do mundo.

    A gora ben, a situación da pandemia na India é moi desigual, dado que se trata dun subcontinente con linguas e culturas distintas, ademais pesan moito na expansión do virus as medidas preventivas e sistema sanitario, a taxa de pobreza, a mobilidade e amoreamento urbano. Porén, aínda que a realidade varia moito segundo o estado (e clase social), a acelerada expansión do virus, en áreas nas que nunha primeira etapa tivo unha baixa incidencia (e das máis desenvolvidas da India), reflicte con toda crueza que o covid-19 ten unha enorme capacidade para se estender, polo debe ser combatido non só a nivel rexional e nacional senón tamén a nivel mundial.

    Trátase tamén de evitar que xurdan e se expandan variantes contra as que non sexan eficaces as vacinas, e que os virus poden ser reintroducidos en países que xa tiñan “controlada” a pandemia, tendo en consideración a enorme mobilidade existente (comercio, turismo...) e a dimensión da India. O propio podemos dicir respecto de América Latina ou África, máxime se temos en consideración que as cifras de contaxios e persoas que morreron pola pandemia superarían a versión oficial. Segundo a Universidade de Washington atinxirían as 905 mil persoas en Estados Unidos, 654 mil na India, 617 mil en México, 595 mil no Brasil...

    Na loita contra o virus teñen unha responsabilidade especial os países con economías máis fortes e sobre todo aquelas potencias que posúen unha industria farmacéutica e sanitaria desenvolvida. Liberando as patentes?... Dise que levaría moito tempo poñer en marcha laboratorios para a produción en terceiros países. Razón demais para acompañar esta medida dun medre da fabricación e exportación solidaria de vacinas, material sanitario e axudas económicas, para os países que carezan de medios abondo para facer fronte á pandemia. En todo caso as vellas receitas do sistema xa non valen, como o reflicten as catastróficas cifras de persoas mortas en potencias tan diversas, que só teñen en común a globalización neoliberal, ou sexa, o capitalismo.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    13 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito