Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Informados desinformados

    ÚLTIMAMENTE, escóitase falar moito do distanciamento ao que estivo sometida a sociedade por mor da crise sanitaria, polo conseguinte decreto de estado de alarma e polo obrigado confinamento. Efectivamente, as familias, os amigos, a sociedade en xeral viuse obrigada a manter un distanciamento físico evidente pero non foi tanto o distanciamento social grazas á tecnoloxía que permitiu romper a barreira para continuar mantendo esas relacións sociais, sobre todo, entre os máis novos.

    Tomando como fonte os informes de Smartme Analytics 2020, tecnolóxica que mediu o impacto do coroavirus en máis de dez sectores, quero destacar que o uso do teléfono móbil, na terceira semana de confinamento, se incrementou nunha hora diaria para dedicarlle tres horas e vintecatro minutos ao día, xa que sentimos a necesidade de contactar máis cos nosos seres queridos e desconectar con aplicacións centradas no entretemento.

    Por outra parte, incrementouse ata un 21% o uso das redes sociais, ao que axudaron motivos laborais asociados ao teletraballo; as máis utilizadas foron Instagram un 22,7% (a máis empregada no ámbito cultural); o Facebook cun 36,5% e o inmediato Twitter cun 56,1 por cento.

    Dito isto, cómpre destacar, ademais, o feito de que nesta situación resulta innegable que se puxo ao descuberto unha fenda tecnolóxica importante entre os distintos países do mundo pero que tamén se reflicten grandes diferenzas nunha mesma sociedade como é o caso da nosa.

    Dous dos sectores onde máis se notou o incremento no uso da tecnoloxía foron o da comunicación e o educativo. Neste caso, permitiu que o curso continuase de forma telemática, aínda que a marchas forzadas e reinventándose cada día.

    Tamén facilitou a creación de materiais e publicacións e, por suposto, contribuíu de maneira clara a manter a conexión entre os docentes cos seus compañeiros, entre os docentes co seu alumnado e coas familias, na creación de grupos de traballo... Pero, sobre todo, empregouse e empregamos a tecnoloxía para a busca de información e a miúdo, sen decatarnos... de desinformación, pois consideramos fiables e verdadeiras noticias que non o son.

    Esta situación só se pode combater cunha alfabetización mediática, moi necesaria non só no eido educativo senón tamén nos demais sectores incluído o político onde a “desinformación” e os “bulos” se están a converter nunha auténtica arma política. Saber encontrar fontes fiables de información e aprender a facer uso das redes sociais de forma crítica continúa sendo unha materia pendente.

    09 jun 2020 / 00:03
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.