Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Insulto

    MOITAS persoas pensan que defender a Igualdade é unha tolemia na que andamos perdidas algunhas paranoicas.

    Quizais se reafirmaron cando Nadia Calviño prometeu en febreiro que non ía participar en debates nin facer fotos nas que fose a única muller. De seguro que pensaron que era unha bravata, sen decatarse de que a vicepresidenta advertira do risco de involución, “de perder o foco dun dos vectores de modernidade de España desde que chegou a democracia”.

    E entón chegou maio e a ministra cumpriu o que prometera: cando foi consciente de que ía ser a única muller na foto nun acto organizado pola entidade Madrid Leaders Forum, marchou do foco. Porque se invisibilizaba ás mulleres.

    Logo chegou o insulto: en declaracións ao programa Todo es mentira (quizais deberían ter escollido outro cun nome mellor), o máximo responsable dos empresarios madrileños manifestaba que non era un tema “tan importante” nin lle parecía de “excesiva trascendencia”.

    O certo é que Nadia Calviño non foi a primeira nin a última. Estes días ando na lectura dunha novela de Rosa Montero, inspirada no diario da fascinante Marie Curie. A única persoa en recibir dous premios Nobel en distintas especialidades científicas, Física e Química. A primeira persoa en ser enterrada por méritos propios no Panteón de París, paradoxalmente, Panteón de Homes Ilustres.

    Por suposto, tamén houbo insulto: o diario conservador Le Figaro rexeitara no seu día que Marie Curie fose elixida membro da Academia de Ciencias de Francia, co argumento de que “non se debía tratar de converter á muller en home de forma tan inmediata”.

    Xa pasou máis dun século. Lamentablemente, seguimos nas mesmas.

    Nas fotos inaugural e de autoridades da IV edición do Foro La Toja (de que La Toja non existe falaremos outro día), non había nin unha soa muller. Se alí non se reflexionase sobre a sociedade actual e os retos do noso tempo daría igual, mais resulta que ese é o obxectivo. Xa que logo, a existencia de mulleres é vital. E non será por non caír na conta porque en anteriores edicións houbo, cando menos, dúas persoas que lles chamaron a atención.

    Primeiro Josep Borrell, despois de agradecer que a organización o considerase unha das 40 ou 50 mentes máis ilustres do país, advertiu do erro estatístico de non incluir mulleres. Incluso chegou a asegurar que no futuro “a capacidade mental das mulleres estaría presente”.

    E despois Pedro Sánchez, quen chegou a afirmar que, se no foro se falaba de futuro, non podía habelo sen mulleres porque “a verdadeira diferenza entre o pasado e o futuro é a ausencia e a presenza das mulleres”.

    Mais nada. Seguimos igual. Ou peor porque, segundo revelou a xornalista Esther Palomera, un dos patrocinadores comunicou á organización que non participaría se no vindeiro ano a foto era como a deste, pero só o dixo por lo bajini. Un insulto.

    10 oct 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.