Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Intoxicacións mortais?

    HAI persoas que non consomen cogomelos silvestres porque “moitos son velenosos e poden causar a morte a que os consuma”. Esta afirmación é imprecisa e imos ver por que.

    Por un lado son poucas as especies tóxicas, de feito entre os cogomelos carnosos con potencialmente comestibles, en Galicia os tóxicos non chegan a un 20 % e, por outro, entre estes, que poidan conducir á morte dos comensais, non pasan de media ducia. E digo poidan conducir á morte, porque existen tratamentos para cada tipo de intoxicación e seguindo un protocolo adecuado non se ten porque chegar a un desenlace fatal, nin tan siquera a un transplante de órganos.

    É certo que algunhas especies son ricas en amatotoxinas, un composto que cando entra no organismo causa a destrucción do fígado (coma hepático) e a persoa morre se non se consegue transplantar este órgano. Son os cogomelos máis tóxicos e pertencen aos xéneros Amanita e Lepiota.

    A especie tóxica máis común é Amanita phalloides (pan da morte ou cogomelo cicuta). É frecuente nos nosos bosques e plantacións forestais, carnuda, saborosa e tenra, así que as persoas que non saben de cogomelos poden animarse a apañala e comela. Mais ten outro problema, é que a intoxicación tarda moito en aparecer e un comensal pode ingerila ao xantar e volver a comela a cea e só despois desta segunda inxesta presenta vómitos, diarreas e fortes cólicos.

    Nese caso o importante é acudir inmediatamente ao hospital e informar de que se comeron cogomelos, xa que existen probas rápidas para saber se foron consumidas especies con amatotoxinas ou hepatotoxinas.

    En caso afirmativo, debe extraerse mediante sonda gástrica, diálise e purgantes todos os restos que aínda permanezan no tubo dixestivo e simultaneamente, aplicar penicilina G en grandes doses (1 000 000 U/kg de peso) para protexer os hepatocitos (as células do fígado). Este método, desenvolvido polo Dr. Josep Piqueras desde 1980, consegue que se recuperen o 90% dos intoxicados, sen necesidade de transplante hepático.

    Outras intoxicacións son de menor calibre e fáciles de resolver, en xeral cun lavado de estómago e repouso é suficiente ou no caso da intoxicación muscarínica, por consumo de pequenos Clitocybe brancos aplican unha inxección de atropina e resólvese no instante.

    Con todo non hai que confiarse. Probablemente co cambio climático, está aparecendo con certa abundancia unha especie de zarrota, sen liñas pardas transversais no pé e con escamas desfarrapadas no chapeu (Chlorophyllum brunneum), que pode causar intoxicacións graves colapsando os rils e ata desencadear a morte.

    Por iso, insístese en que é importante consumir só aquilo que se coñece moi ben e que presenta as características habituais, sen buscar desculpas de apañador compulsivo, como que a choiva mudou a cor, que os animais ao rozan alisan o pé, que son pequenos porque non choveu, etc. Ante a máis mínima dúbida na observación da morfoloxía, o cogomelo non pode ser cociñado e consumido.

    11 oct 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.