Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Iso do Metaverso...

    NOS últimos tempos estase a falar bastante do METAVERSO, da realidade dun universo dentro dun universo, un concepto que foi descrito en 2020 por Matthew Ball de Amazon Studios. Din do metaverso tamén que é un espazo virtual que nunca se detén, non se reinicia nin finaliza. E que calquera pode formar parte del. Se imos ó significado da palabra, á orixe, atopamos o seguinte: trátase dun termo composto de meta, que significa “despois” ou “máis alá” e verso, que fai referencia á palabra universo. Sería entón un universo que está máis alá do que coñecemos.

    Póñennos dende diferentes entidades nesta tesitura: piden que nos imaxinemos gozar da experiencia dun concerto como se estiveramos en primeira fila e sen saír da casa ou que poidamos probar a roupa que queremos mercar pero sen ir á tenda. É isto posible? Nas páxinas web de distintas marcas xa nos ofrecen unha entrada a ese mundo. Tal é o caso de Zara. Co nome de AZ Collection Inditex sacou á luz, en colaboración coa marca textil asiática Ader Error, roupa pensada para que os usuarios do metaverso Zepeto puideran vestir coa firma española os seus avatares. Parece unha loucura!

    Era na novela de Neal Stephenson, Snow Crash, onde aparecía por primeira vez este mundo virtual. Nel, as persoas, coa axuda de avatares, podían vender e comprar bens dixitais. Logo a idea foi aparecendo en diferentes filmes, e talvez iso motivou que moitas grandes empresas se empeñen nos seu desenvolvemento.

    Se temos en conta que coa pandemia as distintas alternativas de comunicación foron fundamentais para sobrelevar unha situación que nos superaba a todos... podemos entender que se queira explorar e tamén explotar unha idea semellante. Hoxe fálase do metaverso coma un espazo para o traballo e a comunicación.

    Segundo Mark Zuckerberg sería un “Internet onde estás dentro da experiencia, non só observándoa”. A experiencia polo de agora vai da man do emprego de gafas e guantes de realidade virtual e dispositivos móbiles e informáticos especiais. El mesmo decidiu cambiar o nome de Facebook polo de Meta para facer ver a importancia do proxecto para o conxunto das súas empresas tecnolóxicas.

    Todo isto ten o seu perigo, xa que pode crear unha nova adicción. Algúns críticos indican que esta realidade virtual non vai axudar á sociedade a solventar os problemas reais, que só pode empeoralos. Case me decanto por sumarme a esta idea. Creo que os nosos esforzos debían ir encamiñados a poñerlle solución a problemas que xa temos aquí, como curar enfermidades e apostar pola investigación para mellorar as condicións de vida e a saúde das persoas. Menos metaverso, menos cohetes e viaxes á Luna.

    Parece que o metaverso propón cambiar a maneira na que interactuamos. Cando apareceu Internet quedamos abraiados coas posibilidades que nos ofrecía, e asumimos correr os perigos que conlevaba. Interactuamos a través da pantalla do ordenador, do móbil, da tablet... sen que existisen restricións de espazo nin de tempo. En calquera lugar, a calquera hora podemos estar conectados...

    Se cadra co metaverso queren que se esvaeza ese límite da pantalla, pretendendo ofrecer outra experiencia na que nos mergullemos como se formaramos parte dun videoxogo e o noso avatar nos representase e se relacionase con outros nese universo...

    29 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.