Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Italiano en otros idiomas

    O italiano ao ocupar o territorio das linguas irmáns vese, como dixemos, afectado por fenómenos fonéticos, morfolóxicos e sintácticos das linguas ás que está desprazando, que ao mellor pasan desapercibidos para os mesmos falantes pero que, os lingüistas detectan e estudan. Estas influenzas da lingua propia vense con máis claridade cando afectan ao léxico.

    Non imos a ocuparnos agora a fenómenos de tipo técnico e debatido dentro da lingüística italiana como poden ser a redución vocálica de sete vogais tónicas de tipo latino vulgar (como o galego) a cinco, que implica a redución das vogais medias, anterior e posterior, ou a transformación de consoantes sonoras en xordas, segundo o territorio, a simplificación das consoantes xeminadas que é moi apreciable na área véneta e coa que simpatizamos vivamente os hispanos aprendices do italiano, ou o uso contraditorio norte sur de essere e avere como verbos auxiliares (nós imos cos meridionais), ou a dificultade que experimentan moitos falantes no uso do subxuntivo, o que leva a un maior emprego do indicativo, desprazando valores... para os gramáticos. Nós achegarémonos aos usos lexicais, menos abstractos, e que mostrarán o uso que o xenio itálico lle pode dar a palabras de todos os días: pizza, gondola, ciao, mafia, panettone, arsenale, scoglio... Verbas que saíron do dialecto e chegan aos dicionarios italianos actuais, nalgún caso coa oposición dos académicos da Crusca puristas, pero que o uso masivo dos falantes acabou por impoñer.

    Verbas como as anteriormente mencionadas están incorporadas a todos os dicionarios italianos ata tal punto que como marca lingüística bandeira chegaron a outros idiomas, xa moi lonxe das fronteiras nativas e, pouco a pouco, foron entrando tamén en dicionarios alemáns, xaponeses, árabes, ingleses ou galegos. Das mencionadas, a Real Academia Galega admite pizza, pizaría e pizzería, góndola (con Eladio Rodríguez), arsenal (recollido xa dende fins do XVIII por Sobreira Salgado), pero co seu hiperenxebrismo arseal (non mencionado pola RAG), escollo (como realidade física, e ademais co uso figurado de ‘dificultade’; o resto dos dicionarios, excepto C. García González, non mencionan a verba). Na mente de todos está que o significado de cada unha das mencionadas verbas é sobradamente coñecido e algunha é de altísimo uso no día a día dos chamados “urbanitas”, na lingua informal dos mozos e non tan mozos: o saúdo ciao.

    26 may 2020 / 22:16
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.