Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

“La inteligencia de Feijoo”

    TRANQUILOS todos (e todas): este título róubollo a Azorín (un politólogo de hai cen anos) dun seu artigo sobre o outro gran Feijoo galego, ou sexa o escritor Benito Jerónimo. Concédaseme a licenza de actualizalo e aplicalo ironicamente ao Feijóo de agora, porque aquí, desde os tempos de Montero Ríos, cando un político noso nos abandona e nos deixa sos para ir a Madrid a facerse estadista, énos lícito empezar a darlle un algo de pau e leña. Abriuse a veda, que é unha expresión moi bonita para os que vimos sendo de xente do mar.

    Estes dous nosos Feijoo(s) históricos, de primeiras sonche personaxes moi distintos: o de Pereiro de Aguiar é home de letras; o de Os Peares é home de cifras (de xestión, como se di moito por aí). Pero matinando un chisco e indo ao fondo dos principios e crenzas da natio, os dous poden cadrar nalgúns valores e actitudes do ser galego.

    En primeiro, a súa aparente tranquilidade de ánimo. Benito sempre pereno á hora da súa crítica do “teatro” político nun tempo no que a Inquisición aínda daba moito susto, e Alberto tamén moi pereno neste tempo no que tivo que aturar unha oposición inquisitiva (tirando a inquisitorial nalgún ponto Pontón, que diría un portugués).

    Onde máis cadran aquel vello Feijoo e mais estoutro novo é nunha condición moi repartida polo xenio da nosa nación: unha sensibilidade intuitiva –galaico more– que encana cunha virtude aproveitable en política: o instinto do volpe de Maquiavelo, que en galego ten unha palabra irmá que é golpe, o vello nome do raposo. En oficio de res publica, quen careza desta fina condición raposeira nunca pasará á historia. E é neste punto onde Azorín ve esa “intelixencia” que –respondendo á etimoloxía– sabe ler dentro das cousas e as persoas para coñecer as súas trampas.

    Talmente coma o volpe florentino. E todo isto pola calada, inadvertido, porque Feijóo (o contemporáneo) presume de “político previsible”, pero iso no seu caso é un oxímoro. Un político que quere figurar entre os grandes ten que manter oculto o poder das súas maquinacións. Ademais, a xente gusta desa restrición mental do estadista que é o seu misterio. Feijoo –diciamos antes– é un home de cifras, pero non é fácil de descifrar. (Sobre todo para as politólogas máis desvalidas).

    En última análise, tanto aquel Feijoo (home de libros) coma este Feijóo (home de gobernos), do que se trata é de que a súa obra deixe “unha fermentación útil”, como diría Azorín. Da fermentación do traballo de Benito aínda hoxe nos alimentamos do seu pan; da de Alberto xa se verá como fermenta, neste tempo no que disque empeza a escasear a fariña. E España é moi diversa en fornos e fornallas.

    08 abr 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito