Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Lembranzas do fracaso colonial

    As historias das migracións están cheas de fracasos, comezando polo mesmo feito de viaxar á esperada terra de promisión, como demostran as mortes que se están a producir no Mediterráneo e no Atlántico nos últimos anos. Pasaron xa aqueles anos nos cales o proceso era dalgún xeito á inversa, cando cidadáns dunha metrópole marchaban a territorios que esta dominaba en condición de colonias. É dicir, en terras nas cales a poboación local quedaba sometida por un grupo humano alleo, instalado despois dunha ocupación manu militari.

    Cando o colonialismo se estendeu coma fenómeno paralelo ao desenvolvemento do capitalismo metropolitano, no século XIX, España xa era unha potencia moi limitada e o único lugar con poboación local eran as Filipinas. Foron outros os países que exerceron tal dominio, especialmente en África e Asia: Francia, Reino Unido, Países Baixos, Bélxica, Alemaña, Italia, Portugal. Tanto se se o réxime da metrópole era formalmente parlamentario como se era autoritario, nas colonias os dereitos da poboación local quedaban reducidos a cero.

    Aqueles que marchaban ás colonias tiñan a protección do poder metropolitano e calquera diferencia ou peculiaridade que tivesen en cadansúa terra de orixe, no destino ficaba borrada pola condición principal: franceses, británicos, neerlandeses, alemáns. O estado central dáballes a seguridade da saída a outras terras e eles correspondían cunha fidelidade absoluta á autoridade metropolitana, con independencia da condición do réxime. Unha fidelidade que chegou ao extremo de considerar moitas veces a terra de destino coma propiedade, con total menosprezo cara aos naturais do territorio. Velaí o caso dos pieds-noirs en Alxeria ou do réxime branco de Rodesia ou século de apartheid en Sudáfrica, imposto en loita contra a metrópole.

    Cando a dominación colonial rematou en fracaso, especialmente despois dun conflito armado cos locais, foi común que quedase unha sensación de nostalxia por aqueles anos nunha terra que era propia e asemade allea, moitas veces cun resentimento cara ao goberno metropolitano.

    Un retrato de tal situación podemos atopalo, perfectamente descrito, en Cuaderno de memorias coloniales, de Isabela Figueiredo (Libros del Asteroide), tradución española do orixinal portugués publicado en 2009. Esta escritora e profesora naceu en 1963 na capital de Mozambique, daquela Lourenço Marques, onde os seus pais marcharan uns anos antes.

    A primeira reflexión que fai é que a etapa colonial e mais o regreso ao Portugal xa democrático nunca foi obxecto de comentario no marco familiar. E coma eles, no caso de moitos regresados, como se nunca tiveran visto o que ela, malia ser unha nena, vira. Unha experiencia que transformaba uns portugueses pobres en colonialistas con carta branca á hora de exercer un poder case omnímodo verbo da poboación indíxena.

    Unha actitude, por exemplo a dos brancos verbo do uso sexual das negras, absolutamente impune pero que segundo a opinión de moitos deles era máis respectuosa cá dos nativos. Pero máis alá do exercicio do poder polo miúdo, neste relato de Isabela Figueiredo atopamos fenómenos propios da colonización.

    Un deles sería o do matrimonio por poderes, a partir do cal a nova esposa xa podía viaxar á colonia. Outro sería a refracción total por comprender e pronunciar a toponimia local “negra”: imposibilitados para dicir Maputo, só empregaban Lourenço Marques. Aínda outro, común a toda guerra colonial (velaí os efectos en Alxeria), é o da actitude belixerante per se contra os locais, no caso mozambicano os negros, pero ao tempo a sensación de vergoña que supuña e que tamén xeraba un estrés post traumático que moitas veces remataba en suicidio.

    No caso portugués e nas súas consecuencias, os feitos descritos por Isabela Figueiredo lembran un paralelismo con Francia e Alxeria: o conflito derivou nun cambio de réxime que comportou a independencia das colonias. No caso das portuguesas e despois da Revolución do 25 de Abril, a tentación dun réxime de brancos pero a realidade foi a contraria: os colonizados xa independentes colleron a vía da represalia contra os colonizadores, o que forzou unha fuxida inmediata e masiva. E a partir de aí, a incomprensión (despois de anos de admiración) por parte dos habitantes da vella metrópole, como se os regresados fosen uns corpos estraños na nova sociedade democrática. Uns regresados que eran portugueses, moitos dos cales sen embargo non coñeceran outra terra ca África.

    Joaquim Ventura

    01 jun 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito