Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ler a Proust

    CÚMPRESE estes días o centenario de Marcel Proust, e a min xa se me esquecía escribir –como prometín– algunha chorrada sobre o autor de “o libro máis bonito do mundo” (André Maurois díxoo), pero acordeime del mercé ao rebumbio que armou estoutro día no Congreso dos Deputados dona Carla Toscano guindando unha frase lapidaria contra unha ministra á que seica se lle presume a capacidade de “estudiar en profundidad” un home (home privado ou home público, non importa no substancial). Menos lobos, Caperucita. Porque iso de poder estudar en profundidade un home é un xenio que só ten Proust.

    Se esta (ou outra) ministra estudase en profundidade a un home quedaría arrepiada. Non paga a pena estudar en profundidade a ningún home; abonda con apalpalo en superficie (como facía Odette de Crecy). Vese que nin a señora Toscano nin a señora Montero leron a Proust. Antes sempre aparecía un ministro que, atendendo á típica pregunta estival dun xornalista -“Que anda vostede a ler?”-, respondía á beira da piscina: “Estoy releyendo a Marcel Proust”. E quedaba tan pancho e escarranchado na hamaca, ignorando que todo o que di que anda relendo di mentira: é unha maneira de ocultar que nunca andou a ler.

    Nestes nosos tempos ningún político nin política anda a ler nin a reler a Proust, e este desleixo libresco é o que favorece a exhibición de episodios tan patéticos coma o representado en escano por Toscano e Montero. Pero onde son aínda máis desastrosos os efectos da falta de lectura proustiana é entre os innúmeros literatos e innúmeras literatas de agora, cuxa abundancia velutinesca quedaría felizmente reducida se antes de ir (irmos) de escritores pola vida lesen En busca do tempo perdido. Ao pouco de empezar a ler Polo camiño de Swann, xa te das de conta que tes que abandonar o camiño da literatura, e buscar un oficio honrado.

    Case todos os grafómanos e grafómanas que nos atormentan cos seus libros ruíns fano inocentemente, malpocados e malpocadas, porque non leron a Proust e acaban sendo vítimas de premios parroquiais e provinciais ou, aínda peor, nacionais de literatura. O primeiro que se nota cando un se pon a ler a un autor coma Marcel Proust é aquilo que tamén notara Ortega (y Gasset): “Este tipo me plagia”.

    E en efecto iso é o que sentimos cando atopamos un escritor ao que lle pasa o que nos pasa a nós pero, ai, sabe contalo mellor ca nós. E aínda por riba sabe escribilo mellor ca nós. E nese momento é cando debemos experimentar unha inspiración disuasoria: dedícate a outra cousa. Porque ese “camino sin caminos” (Sancho díxoo) da vontade é o que vai desde o querer ser a crer que un xa é. Ou sexa, a distancia que hai entre o tráxico e o cómico.

    02 dic 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito