Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ler para aprender a ler

    ANTONTE, chegoume ao WhasApp un chiste que me fixo reflexionar sobre a lectura e a necesidade de modificar a maneira de ensinar a ler a nenos e nenas do século XXI dominado, non o esquezamos, polas tecnoloxías da información e a comunicación, as TIC. Tratábase dun problema de matemáticas dirixido a primeiro de Primaria que, case seguro, tamén recibiriades algún de vós e pensastes o mesmo.

    Víase un caseto de fronte coa entrada para os cans e fóra del, saltando, catro ou cinco cadelos de distintas cores. Preguntábase: Cantos cans saíron do caseto? O alumno, con moito sentido común, contestou: “Non vin saír ningún can do caseto”. Este caso exemplifica como o mal formulamento lingüístico dunha cuestión inflúe na súa resolución. O neno contestou perfectamente o que se lle preguntaba aínda que iso non era o que buscaba o mestre á hora de expoñer o problema.

    E isto lévame a unha primeira reflexión: a importancia de traballar a lectura de forma transversal, en todos os niveis –non só en Primaria– e tamén en todas as materias –non só nas clases de lingua–. Numerosos estudos confirman que o alumnado, e tamén persoas adultas, son capaces de ler pero non comprenden o que len. É dicir, entenden as palabras alí escritas pero non comprenden o que se quere dicir no texto, o seu significado global, xa sexa este un texto literario, unha carta, un artigo dun xornal, unha factura, unhas instrucións... Hai quen os define como “analfabetos funcionais”.

    Ademais de comprensión lectora, temos que avanzar tamén na competencia lectora, é dicir, que as lectoras e lectores sexan capaces de encontrar solucións a problemas reais, a dúbidas, inquedanzas... nas lecturas, o que non está rifado co ler por ler, co goce pola lectura. Este é, sen ningunha dúbida, un dos desafíos educativos deste século XXI.

    Os lectores actuais, queirámolo ou non, deixaron atrás a era Gütemberg, o inventor da imprenta que imprimiu o primeiro libro, a Biblia, en febreiro de 1455. Viven mergullados nun século onde non se precisa papel nin imprenta para ler e que levou á aparición de lectores distintos e de novas maneiras de facelo. Lese en móbiles, en tabletas... cunha palabra clave aparecen millóns de páxinas que hai que seleccionar...

    En definitiva, como indica o experto na materia, Antonio Díez, autor da obra Lectura y dificultades lectoras del siglo XXI, encontrámonos ante un novo “prototipo de lector” e o gran reto que debemos afrontar familia, escolas, sociedade é o de “ler para aprender a ler”.

    19 feb 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito