Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Lugo, esquecido polo investimento público

    NON é lugar nen momento para facer un exame do papel económico de Lugo na Galiza ou no Estado, pero si de citar a discriminación negativa que ven soportando nas últimas décadas desde a perspectiva dos investimentos públicos, nomeadamente en infraestruturas. Fóra do coñecemento dos lucenses, nesta parte da Galiza atlántica non se saben algunhas cousas que atinxen, en primeiro lugar, directamente os lucenses e achegados e en segundo lugar a Galiza enteira.

    En Santiago, Ferrol, Pontevedra, Vilagarcía ou Vigo por non dicer Tui, Viveiro, Burela ou Ribeira pode que non sexan conscientes de que non hai tren que comunique con Lugo: nen sequera desde Curtis que, cunha liña de 50 quilometros, se arranxaría. E isto non é un dato: é que non hai servizo no presente, non houbo nunca e non ten traza algunha de o haber. Abandonar hoxe a posibilidade dunha comunicación vía férrea non só é unha grande manca no presente senón unha garantía de aillamento no futuro.

    Se observamos as comunicacións para transporte de viaxeiros e mercadorías por estrada, as perspectivas –mesmo sendo menos desexábeis na orientación/mandato da UE– non palían nen melloran o desleixo do investimento en ferrocarril. Non é preciso falar de calidade e vixiancia construtiva despois da desgraza da A6 en Pedrafita; baste traer a cita a non existencia de autovía Lugo-Ourense ou a eterna obra da de Lugo-Santiago.

    O problema non é satisfacer a ansia de viaxes dos máis ou menos ociosos que practican o que se chama turismo ou viaxes de lecer. As comunicacións vía áerea, por ferrocarril e por estrada comunican persoas que se desprazan por razóns de traballo, transportan, desprazan mercadorías tanto as exportadas como as importadas e finalmente poden constituír unha alabanca de impulso ao crecemento económico ou –na súa ausencia– un impedimento certo ao crecemento.

    Un caso paradigmático da aplicación das últimas medidas de política económica de subvención dos prezos do transporte redunda na discriminación. Renfe expedíu uns bonos con desprazamentos gratuítos durante uns meses. Lugo non pode usalos porque non hai tren segundo diciamos arriba. Como competencia, Monbús (anunciouse en toda a prensa) abaratou o prezo dos seus billetes na zona atlántica con tren, como A Coruña-Vigo, a 0,64 euros billete. En Lugo non: como non hai competidor a rebaixa legal esperada é do 50% aos posuidores da tarxeta de transporte (oficial).

    Para abundar na discriminación, deuse o caso de que non todos os teminais expedidores de billetes nos autocares de servizo Lugo-Santiago aplican o desconto. Segundo o conductor/cobrador/axudante da máquina de cobro unhas máquinas aplican o desconto e outras non: podemos pedir máis nesta acumulación de disparates?

    E como se dun circo se trátase, no capítulo do remate da función estamos en condicións de outorgar un premio á iniciativa empresarial da trapallada, iso si, disfrazada de robotización e innovación emprendedora: temos empresas con terminais de cobro intelixentes capaces de aplicar tarifas pola súa conta, xa que os lucenses pagan e sofren en silencio e, mentres se arranxan ingrésase o total, e non por billetes reducidos. Galiza vese disminuída na medida que hai comarcas enteiras con verdadeiros lastres ao seu desempeño económico normal.

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.