Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Lugo ulía a festa

    tRES anos despois dende que a pandemia mudara os nosos costumes, Lugo volveu vestirse de festa coma o facía antes. O San Froilán deste ano 2022 foi coma os que recordamos antes de que o Covid o fastidiara todo. Tiñamos gañas de festa e lucenses e foráneos enchemos as rúas da urbe romana. Por fin a cidade das murallas volvía a desfrutar coma sempre das súas patronais.

    Que ledicia se sentía correr polas veas dende os días previos á lectura do pregón. A indescritible sensación de que volviamos a VIVIR acompañounos dende os primeiros paseos ó recinto feiral. Xa sen mascarilla, intentando fuxir das aglomeracións pero a miúdo perdendo esa batalla ó encherse Lugo de milleiros de persoas que regresaban para desfrutar da boa mesa e da compaña dos lucenses, familia e amigos. Como no concerto de Dvicio, no que a Praza da Horta do Seminario volveu vibrar como nos concertos prepandemia. Recordoume as noites de edicións anteriores da festa, como aquela na que non cabía nin un alfinete para ver a Melendi.

    Dende as casas saía o arrecendo do cordeiro asado, do estofado de tenreira, dos pementos fritidos... eses olores característicos das celebracións na casa, da comida tradicional. Seguro que non faltaron a ensaladilla rusa, a que sabe de verdade a festa, nin os postres caseiros, que compartiron mantel coas mellores tortas e doces das pastelarías do centro da cidade. Bo viño, café e licores. Do 4 ó 12 de outubro foron moitos os xantares compartidos facendo gala de que... para comer... Lugo. Demasiados excesos, en todos os sentidos. Agora toca baixar o ritmo.

    Celebrando, celebrando, brindando e bicándonos foron pasando os días destas festas con tan longa tradición e tan importantes a nivel nacional. Houbo reencontros, apertas. Novas ilusións, sorpresas... Todo se volveu de cor verde esperanza. Houbo tempo para esquecer os medos e confiar na volta ó que tiñamos: gañas de desfrutar, de VIVIR. Volvemos sentir esa ilusión, non a perdemos, só estaba adormecida. Xa volve a latexar, xa podemos ser un pouco máis felices.

    Para despedir as festas houbo un espectáculo de monólogos no mellor lugar que se podía: a Mosqueira. Alí se deron cita David Amor, Oswaldo Digón e Danny Boy-Rivera. Un xeito de dicir adeus con risos a esta edición, pechada por Treixadura. De luxo quedou toda esa zona peatonal que nestas patronais se convertiu en espazo ideal para concertos e diferentes actuacións. O día 12 tivo lugar tamén o tradicional mercado da feira medieval. Como non, sempre se pica algo de artesanía nesa cita. Cousas preciosas de coiro e doutros materiais que fan as delicias dos que apreciamos todo o feito a man.

    Así aconteceu tamén coa mostra de olería que nesta convocatoria sorprendeu a lucenses e visitantes durante dous días consecutivos o sábado e o Domingo das Mozas, amosando o bo facer nese campo de artesáns de todo o territorio nacional. Foi todo un éxito, e repetirán. Seguro! No seo destas festas, outro momento doce: a feira do mel, ce on cata incluida!

    En canto ó tempo, hai que dicir que foi excepcional. Ninguén se poderá queixar. Os das barracas encantados, podendo estar un día máis facendo caixa. Os lucenses seguiremos este mes de outubro co sabor da festa na boca, desfrutando do polbo á feira ata o día 1 de novembro. Máis xuntanzas, máis brindes.

    18 oct 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.