Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Madalenas de Matilde

    O CEREBRO é ben curioso, ou polo menos a miña cabeza ás veces fai unhas conexións de pensamentos que non sei a que entramado corresponden. Fago este comentario porque estes días que non deixamos de escoitar iso da “nova normalidade” a min veume á mente unha imaxe moi concreta: as madalenas de Matilde. E a que veñen a conto estes doces con que vaiamos camiño dunha normalidade, sexa nova, vella, distinta, descoñecida, igual ou parecida?

    Matilde é a miña veciña da aldea de toda a vida. Cada Nadal, por Noiteboa e Noitevella, aparece na miña casa unha bandexa cunhas madalenas feitas por ela que eu non sei por que pero saben que teñen o demo, que se di por aquí. E non, non son cupcakes nin levan floritura ningunha, son as unhas madaleniñas a secas. A min sempre me berran na familia, e incluso pretenden escondermas, porque o certo é que non podo aguantar sen comelas, coa conseguinte fartura para facer fronte despois ás copiosas ceas destas datas.

    Non sei se pensei nelas porque vexo unha febre xeralizada na poboación con meterse na cociña durante este confinamento e preocúpame que nin con estas me deu por tocar unha triste masa. Non deixo de ver biscoitos, galletas, pan e todo tipo de postres e pratos e quedo abraiada, porque comería todo de boa gana, pero iso de facelo xa non me chista tanto. Aínda o outro día me enterei de que existía a “fariña de forza” cando unha amiga me comentou que estaba esgotada no supermercado.

    A miña teoría é que para min a normalidade é a madalena de Nadal, igual que podería ser calquera outro detalle que non teña que ver con comida, pero xa que estamos en época de proliferación de creadores culinarios non me vén mal como exemplo.

    Se podo saboreala o vindeiro decembro (a non ser que me lea Matilde ou achegados e mas queiran ir traendo...) para min iso xa será normalidade, un pequeno pracer que me saberá a sempre, a antes, a casa, a vida. A ver se para entón xa podemos andar (ou podedes, vistas as miñas escasas habilidades) coas mans na masa, e non cos guantes.

    09 may 2020 / 23:35
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.