Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Máis que rebaixas fiscais simbólicas

O presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, acaba de anunciar unha rebaixa do imposto sobre o patrimonio, que é competencia da comunidade autónoma (da nacionalidade galega). A escusa é reducir a carga fiscal para favorecer o consumo e fortalecer a actividade económica. A taxa rebaixaríase até o 50% do que deberían pagar; esta redución era agora dun 25%. Ou sexa, sería a segunda vez que se subvenciona este imposto.

Os argumentos para facelo son carentes de valor porque afecta ás persoas cun patrimonio superior aos dous millóns de euros (7.600), ou sexa, aos máis ricos, xa que o resto están exentos. Ademais neste intre deberíase potenciar o gasto social e os servizos públicos, pedindo un esforzo especial aos que máis gañan. Mais, segundo Rueda a esta rebaixa de impostos seguiranlle outras. Todo amosa que este adianto ten un carácter simbólico.

Non se pode obviar que deste xeito o presidente da Xunta segue a folla de ruta que iniciou Madrid, continuou Andalucía e avalou o presidente do seu partido Núñez Feijóo, malia que nun primeiro intre Rueda afirmou que Galiza tiña súa propia dinámica... esta actitude razoábel, de seguir criterios que respondan á nosa realidade e intereses do noso país, non durou moito.

Cómpre termos en consideración que esta decisión tomouse nun contexto cunha inflación moi elevada que come os salarios, as pensións e condiciona as prestacións básicas, e que ren indica que se poda controlar en pouco tempo. Polo que, unha parte importante da povoación está a pasar unha situación moi difícil, xa que a inflación resta poder adquisitivo ás familias e moi especialmente a aquelas que teñen menores ingresos (xa que os alimentos e a enerxía son dos máis afectados pola subida). Polo tanto, nesta conxuntura, reducir a presión fiscal aos sectores economicamente privilexiados reflicte unha resposta elitista. Dirase que á cantidade que vai perder a Facenda Galega non é moi grande, é verdade (sobre 34 millóns), mais ten un enorme valor ideolóxico, que sen dúbida valorou o PP.

As empresas están a trasladar aos prezos do consumo un 83 por cento do aumento dos custes de produción (de materias primas e enerxía...), daquela os altos beneficios que están a obter nas grandes compañías (evidentemente non son todas, nen nas mellores épocas é así; e un 56% das pequenas viron reducir seus marxes).

Este aumento do custe dos bens esenciais para o consumo tamén implica un medre dos ingresos fiscais, especialmente do IVE. Ademais, naquelas empresas e sectores onde houbo negociación colectiva a suba dos salarios está moi por debaixo da inflación.

Veremos o que sucede co salario mínimo interprofesional, cos salarios dos funcionarios/as e outras prestacións económicas públicas, como as pensións? Son pesimista respecto da actitude dos partidos sistémicos e da patronal... mais unha vez dependerá da mobilización laboral e social.

En poucas palabras, a maioría dos custes da crise do sistema (ecolóxica, confrontación entre potencias, desigualdade...) están sendo pagados pola clase traballadora, pensionistas, parte dos autónomos/as, etc. Neste contexto o lóxico, xusto e solidario, sería fortalecer os salarios e a recadación fiscal, especialmente naqueles segmentos sociais e corporacións con grandes ingresos (e nacionalizar certos sectores, como o enerxético). E utilizar estes recursos para mellorar os servizos e prestacións públicas... Que ven que viña investir os 34 millóns de euros do imposto de patrimonio en cuestións como: a axuda alimentar, vivenda, atención primaria,... apoio á cultura galega...

05 oct 2022 / 23:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito