Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Máis realismo e menos celebración

    A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico, OCDE, ven de constatar que as familias españolas perderon o 5,4% dos seus ingresos dende que comezou a pandemia. Un dato que resulta, se cadra, mais chamativo ao comprobar que España é o segundo país con maior caída dos ingresos familiares, so despois de Austria. Tras eles, aínda que a gran distancia, sitúanse o Reino Unido (1,8%), Italia (0,7%), Alemaña, Finlandia ou Portugal (0,4%). No resto, a renda familiar medrou mais dun 8% de media, alentada polo maior crecemento que presentan os Estados Unidos, que experimento unha suba do 16,4% na renda familiar, Plan Biden mediante.

    Ao tempo que se observan estes datos é relevante tamén comprobar que o crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) per cápita está lonxe dos niveis desexados. No primeiro trimestre do ano 2021 o PIB do “clube dos países ricos” apenas medrou un 0,5%. A pesares disto, nos últimos días asistimos a unha sucesión de titulares que anuncian os “bos datos” da economía española para resaltar que é o país que mais medra dentro da zona euro. Unha cifra que era de esperar tras ser tamén a economía que sufriu a maior caída do PIB –un -11% fronte ao -6,3% da media da UE–. Mais este espellismo, froito da comparativa co ano 2020, disípase se tomamos os datos agregados dos dous últimos exercicios, onde se albisca que o 2021 vai a pechar cun retroceso conxunto superior ao -5%, o dobre que o conxunto dos socios europeos, e só por detrás de Grecia. Convén, pois, evitar facer discursos triunfalistas mais aínda cando se constata que a recuperación do emprego agocha taxas de temporalidade moi elevadas e revela tamén unha importante perda de poder adquisitivo para as traballadoras e os mais novos.

    Unha situación que non é nova nin froito exclusivo da pandemia. Cómpre tomar perspectiva e preguntar, como era a situación da economía española antes e que nos espera para despois? Dende un punto de vista macroeconómico, no 2019 había xa o temor fundado a unha desaceleración que pivotaba, por un lado, sobre o elevado nivel de endebedamento público e, polo outro, sobre un crecemento ralentizando, consecuencia dos menores ventos de cola internacionais, que amainaron tras o pulso comercial entre China e os Estados Unidos e as incertezas derivadas do Brexit. Todo isto quedouse curto fronte aos desafíos que houbo que afrontar despois. O ano 2020 supuxo unha ruptura en tódolos sentidos, ate o punto de que a emerxencia sanitaria propiciou a suspensión das regras fiscais e fixo que o equilibrio das contas públicas pasase a un segundo plano en favor das políticas de gasto público e de estímulo, como non podía ser doutro xeito.

    Agora, tras case dous exercicios fiscais de política monetaria e fiscal expansiva e a chegada dos Fondos Europeos, parece preciso debuxar un horizonte de crecemento real no que se acometan as reformas necesarias para acabar coas eivas estruturais da economía española e acadar unha sólida recuperación para tódalas persoas. Só deste xeito se poderá medrar, enfrontar con éxito o futuro do sistema da Seguridade Social e a acordar un sistema fiscal e de financiamento autonómico estable que exixe poñerse de acordo sobre o nivel de servizos públicos que quere a sociedade e o xeito de financialos. A débeda infinita non é posible, a ortodoxia financeira volverá no 2023 e daquela as reformas estruturais xa deben estar en marcha. A economía que saia da Covid-19 será distinta ou non será, ao igual que as prioridades. Imos actuar ou esperar a que o fagan outros no noso lugar?

    19 ago 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.