Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Marcando territorio

    Parece que esta vez non hai problemas cos refuxiados. Son brancos caucásicos -louros cos ollos azuis, como di Gabriel Rufián- e case todos cristiáns, polo menos nominalmente. Toda a Unión Europea, afortunadamente, abre agora as súas fronteiras para acoller aos que abandonan Ucraína, invadida por tropas rusas. Nada que ver co vergonzoso espectáculo de hai uns anos, cando fuxitivos da guerra de Siria, de pel máis escura e que rezaban a Alá, vagaban de país en país, entre barro e aramados, rexeitados en todas as fronteiras até chegar a Alemaña (os que chegaban).

    Cando Iraq invadiu Kuwait, en agosto do 1990, unha coalición de 34 países (entre eles, España) liderada por Estados Unidos e atendendo unha resolución do Consello de Seguridade da ONU (non vetada pola URSS, na que gobernaba Gorbachov), contraatacou en xaneiro do 1991 e, cun enorme despregue aéreo, machucaron o potente aparato militar iraquí, liberaron Kuwait e Iraq quedou sometido a un severo embargo económico e a unha estrita vixilancia que ás veces se transformaba en bombardeos (até que o segundo Bush decidiu destruílo por completo no 2003, pero esa é outra historia). Agora, na invasión de Ucraína, nin hai resolución do Consello de Seguridade da ONU (vetouna Rusia, gobernada por Putin) nin moito menos unha coalición internacional para organizar un contraataque. Rusia, claro, aínda segue a ser unha potencia militar e con armas nucleares e xa se encargou de recordalo Putin para intentar disuadir aos que queren axudar a Ucraína.

    Contra o invasor ruso de agora non hai as mesmas manifestacións masivas -polo menos en España- que contra aquela invasión de Iraq promovida no 2003 polo trío das Azores (Bush fillo, Blair, Aznar). Dúas intervencións á marxe do dereito internacional que non son condenadas da mesma forma por certos sectores da opinión pública (da esquerda maiormente).

    Desaparecido o réxime comunista soviético -aínda que algúns parece que non se decataron-, Rusia é unha potencia capitalista máis (como o é tamén China, aínda que goberne un partido comunista en réxime de partido único). E como tal potencia, quere marcar o seu territorio, coa nostalxia do vello imperio, o dos tsares e o dos bolcheviques, que, por certo, recoñeceron o dereito de autodeterminación ás repúblicas que conformaban a URSS, dereito do que fixeron uso tan pronto como desapareceu o control centralizador do PCUS (Partido Comunista da Unión Soviética).

    De marcar territorio sen problemas non se pode queixar Putin, que goberna Rusia con man de ferro desde 1999 e que retocou a Constitución para seguir até o 2036, ademais de eliminar opositores e limitar drasticamente as liberdades cidadás. Xa demostrou en Chechenia, en Xeorxia, en Bielorrusia e en Kazhakhstán os seus métodos para refacer o imperio, apoiando a represión dos gobernos amigos ou desestabilizando aos que intentan ser diferentes. En Ucraína ven facéndoo desde o 2014, coa anexión de Crimea e o apoio á separación dos territorios de Donetsk e Lugansk, e agora directamente, cunha invasión coa que parece querer reconverter Ucraína nun daqueles chamados países satélites que servían de colchón de seguridade á URSS.

    Putin marca territorio pero a Unión Europea e a OTAN tamén. A UE, de pronto, está a superar importantes divisións de intereses fronte ao reto ruso. Tamén a OTAN, cuxo secretario xeral chamaba hai nove meses a superar as divisións causadas por Trump. Que iso remate nunha nova negociación ou nunha confrontación perpetua está nas mans dos gobernantes máis poderosos da terra. De momento, axudaría moito a calmar o ambiente que os refuxiados brancos con ollos azuis puidesen volver a casa, sinal de que os soldados rusos estarían tamén de volta nas súas. (E postos a pedir, que tantos refuxiados de calquera cor tamén recuperasen as súas vidas e a súa dignidade)

    Xosé A. Gaciño

    05 mar 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito