Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Mareas sen esquenzo

    CÚMPRENSE agora vinte anos daquela traxedia. Unha costa enloitada con bagullas xélidas dun veleno cinzento mentras as mentiras e non saber que facer encadeáronse nas áncoras da incompentencia, a indecisión e gañar tempo nun espectáculo mediático onde incluso se negaba a realidade. Logo foron fíos. O ventre do Prestige abríuse en canal, de par en par, con toda a súa cheirenta e porquerenta miseira e laceira de contaminar.

    Un dos desastres ecolóxicos máis terribles que se deron. Miles de kilómetros de costa, en Galicia, Portugal e Francia mais toda unha liorta xudicial aínda viva en Londres. O dano estaba feito. Nembargantes todo agás a teimosa rabia e certo pesar foise esfarelando o longo dos anos. A miúdo, cáseque sen que foramos capaces de percibilo. De súpeto, unha cifra, vinte anos e volta a ser nova. Pero para a mar non hai tempo sin memoria. Nin días sen contaminación.

    Non. A xente non esquenceu. Mais a vida, como non podía ser doutra maneira, segue e continuou a seguir, devagar, pero segue e seguirá. Xeiradamente, pero todo segue nesta noria infinda de incertezas vagarentas.

    Vinte anos despois, qué adeprendimos? Ese é un dos interrogantes. As nosas costas seguen expostas co mesmo arreo que sempre ante estas traxedias. Outra cousa é se estamos millor preparados para unha resposta de emerxencia e unha coordinación axeitada e, por riba de todo, eficaz. Dos erros apréndese, das mentiras, afástase.

    A prol dunha tarefa titánica, milleiros de homes e mulleres encadearon unha solidaridade única nas costas, nos areais tinxidos pola negrura da infamia dun ventre desnutrido de vómito e carraxe incontible. Bolachas de fuel, rochas coídas pola espesura inerme de gamelas aferruxadas dunha carga letal. Laños a piques de morrer. Bágoas de impotencia. Olladas ausentes e o tempo vermellantes dunha catástrofe evitabel.

    Luita, luita, luita sen tempo nin descanso. Os homes e as mans. Só as mans e unha vontade pétrea e firme fronte o abismo. Mareas brancas de empuxe e dignidade. Dunha sociedade que asistiu atónita o espectáculo pusilánime das administracións e os políticos.

    Bafo abafante de iniquidade mesturado coa xenerosidade de milleiros e milleiros de persoas que loitaron con todo fronte a inmensidade dunha marea negra que nunca acababa. A fenda partiu e envorquou as súas vísceras. A mar, sempre a mar, atoutiñada e debagutada. Cos seus misterios e a súa infinidade sen tempo nin memoria.

    Vinte anos despois, só queda unha lección, a xenerosidade da xente do común, a súa solidaridade. Mais tamén unha dúbida, sinxela, que pasaría de novo se un buque volta a crebarse. Cal sería a resposta e sobor de todo, se hoxe, agora, estamos en verdade, preparados.

    Escribiuse de todo e de cáseque nada neste tempo de solaz estío acrítico. No fondo do mar, ese silente e oscuro pecio durme nun regazo de paz e indiferenza amorfa. Nós, lembramos. Nós concienciámonos, pero a un terribel prezo.

    18 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito