Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Medalla de Ouro de Galicia para o profesor Carro Otero

    A existencia, por fin, dun Goberno galego trouxo como consecuencia, entre moitas outras, a posibilidade de que fosen recoñecidas, entre nós, aquelas individualidades sobresaíntes nos máis variados aspectos da humana convivencia. Primeiro apareceron, se ben o recordo, as medallas Castelao. Nun principio pareceron destinadas a aqueles de entre nós que sobresaísen na defensa dos nosos propios valores, daqueles valores que nos definen coma pobo e nos dotan dunha tradición sen a que non é posible a existencia dunha cultura. Nun principio entendeuse, eu así tamén o entendín, que a súa concesión, a das medallas Castelao, abranguería un espectro moi definido entre as coordenadas do que entendemos por galeguismo.

    Afortunadamente non foi así. A nosa cultura abrangue aspectos máis salientables que o da prolífica edición de libros a que estamos tan afeitos. Calquera consellería, calquera deputación provincial, alcaldía, fundación, asociación cultural, calquera institución sexa de rango estatutario ou non edita libros a mazo e así se dan circunstancias como a de que ó cesar Manuel Fraga na presidencia do Goberno de Galicia restasen nos sotos da xunta dous millóns e medio de libros que non se sabía que facer con eles. Pois ben, parecería que as medallas Castelao fosen maiormente pensadas prá xente do libro e achegados.

    Non foi así. O presidente Laxe abriu o espectro (e ben que me levou aceptalo) de xeito que María Casares ou Luis Suárez foron medallas Castelao no seu momento. Recórdoo con certa precisión. Tiven que pasar un par de horas ó teléfono conversando con algúns dos galardoados intentando convencelos de que deberían aceptar a distinción pois non todos estiveron pola labor. Non recordarei quen rexeitou a distinción que aceptaría con posterioridade.

    Ás medallas Castelao sucedéronlles, millor dito, viñeron completalas as medallas de Galicia nas súas categorías de ouro, prata e cobre. Houbo un momento no que mesmo chegou antollárselle a non poucas xentes, eu entre elas, que estas foran encargadas por lotes de quintais pra seren espalladas a voleo entre a poboación máis variopinta e disímil como se na adxudicación non se seguise un criterio o que en tal xeito de proceder consistise precisamente o criterio a seguir.

    O “numeroso público asistente” tivo que aturar así actos de entrega maratonianos, cheos de discursos de gratitude que, ás máis das veces, se converteron en conferencias, antes de que as augas presidenciais, aquela chuvia medallística, se serenasen seguindo o camiño da normalidade. Agora a concesión das medallas de Galicia, supoñen de novo unha distinción apreciable no seu conxunto.

    Hai cousa dunha semana e pico, neste mesmo e algo esquinado lugar da páxina catro do xornal, baixo a sinatura de Emilio Ucha, foi solicitada a Medalla de Ouro de Galicia, concedida a título póstumo, para o recentemente falecido Xosé Carro Otero.

    Emilio Ucha no seu artigo, publicado nesta mesma páxina na que se diría que é onde da a volta o aire, solicitaba adhesións á súa iniciativa. Aproveitando a convidada eu quixera sumar a miña á tal iniciativa.

    O profesor Carro Otero foi dono dunha erudición, nunca empalagosa, que nunca dubidou en poñer ó servizo de quen lla solicitara, sempre con independencia dese tipo de valoracións ás que estamos tan afeito. Podía un agnóstico solicitarlle información sobre o contido real do sartego do Apóstolo ou sobre o contido dos enterramentos medievais escavados por el na beiramar d’O Grove que, sen ceder un ápice das súas propias conviccións, aportaba sempre unha visión científica e honesta chegada a hora de satisfacer a curiosidade allea.

    Esa era a entidade da persoa prá que Emilio Ucha, e de paso tamén eu, xunto con moita outra xente, solicitamos a Medalla de Ouro de Galicia concedida a título póstumo. Esa era a persoa. Un home culto, coñecedor da realidade cultural que o envolvía, sempre disposto a compartir os seus coñecementos con quen fose.

    Os seus méritos académicos e profesorais, a múltiple direccionalidade dunha
    curiosidade intelectual, inmensa e enca-miñada ós distintos campos do saber, é e está xa tan fartamente coñecida e recoñe-cida que resultaría ocioso poñerse agora
    a repetila eiquí.

    A mágoa é que o profesor Carro non recibira tal distinción en vida. Ninguén ten vocación de pataca, á que hai que enterrar pra que a adornen as flores. Xosé Carro Otero merece que este país noso, pródigo en tempos en recoñecer mediocridades, recoñeza agora a súa total entrega ós varios campos do saber a cuxo coñecementos entregou a súa vida enteira sen ter dubidado nunca en compartilos con aqueles que llo solicitasen. Así pois, Medalla de Ouro de Galicia pra prolongar a memoria de tan sinalado persoeiro.

    13 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito