Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Medio millón de vacas

    ESTA semana o Goberno indú, unha das grandes potencias mundiais, celebrou un Consello de Ministros dedicado integramente as vacas. Faino todos os anos. Non sei canto tempo lle dedicarían no Consello da Xunta a falar das vacas antes de presentar ‘Unha nova estratexia para o sector lácteo’.

    Supoño que moi pouco, se lle dedicaron algún, pois é o enésimo plano que presenta o Goberno Feixóo, todos eles cuspidiños e dirixidos principalmente as industrias lácteas.

    As granxas de vacas seguen a tendencia continua ao peche. Cando asumiu Feixóo a presidencia había máis de 13.000 explotacións. Hai cinco anos 9.666. Agora só 6.857. Ademais seguen extorsionadas pola industria cos prezos do leite máis baixos de Europa.

    En Galiza hai seis concellos que non teñen nin unha soa vaca: Arnoia, Beade, A Illa de Arousa, Pontevedra, Rubiá e Ribadavia. En Larouco e Catoira só hai unha vaca. En Poio e Marín dúas. En Cangas, tres.

    Aínda así, a poboación vacuna mantívose case estábel desde hai dez anos, 529.910 cabezas, e tamén a produción leiteira: 250.000 toneladas ao mes. Iso si, duplicáronse o número de granxas de máis de cen vacas.

    Hai que recoñecer que os planos da Xunta son todo un éxito, pois o que pretenden é concentrar as explotacións, conseguir máis cabezas de gando por granxa e producir dun xeito máis intensivo, industrial.

    Isto leva non só a que cada vez haxa menos xente no rural, a que destrúa emprego agrario e de servizos e a unhas explotacións máis dependentes do exterior e menos sostíbeis ambientalmente.

    Todo o contrario que fan os países de Europa máis avanzados, onde as pequenas granxas apostan por elaborar elas os produtos lácteos con explotacións de menos de 50 vacas.

    Tamén en Galiza temos exemplos, como a produtora de Queixos Airas Muniz, multipremiada, que era unha das 15 granxas máis grandes de Galiza en intensivo, e, agora, só ten 45 vacas pacendo nos prados.

    Xa o dicía Castelao, o día que saibamos o que vale unha vaca, Galiza quedará redimida.

    28 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito