Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 23 mayo 2024
20:39
h

Memoria e máis memoria

    HAI sitios e momentos polos que transitamos e, case sen decartámonos, volvemos camiñar, pasen os anos que pasen. Pegadas de pisadas que toman raizame en nós mesmos. O recente pasamento de Franco Battiato (1945-2021) gradou lembranzas musicais inusitadas. O noso Manuel Jabois (Pongámonos la camiseta, los tiempos cambiarán, El País 19/05/2021) confesaba que as cancións de Battiato levávano aos nomes dos hóspedes cando axudaba no negocio familiar mentres soaba a música do italiano. Podo dicir que me pasa algo parecido con algunhas cancións de Elvis Presley. In the ghetto (1969) e Suspicious in the mind (1969) transpórtanme á vendima nos bacelos da Arriba de arriba, dende onde se escoitaban nidiamente os altofalantes da Cooperativa. Veñen á miña memoria os nomes e as facianas dos xornaleiros portugueses que axudaban nos labores da colleita.

    Hai depósitos involuntarios de lembranzas. Mais, aínda sen activar a consciencia, o ingrediente da atención está presente nesas marcas que levamos gardadas. No caso de Jabois, o semellar de Battiato con seu pai actuou como móvil para escoitar con ganas as súas cancións. No meu caso, foi quizais a sorpresa da voz cálida de Elvis en melodías máis aló do rock o que pasou a grade para fixarme.

    Está claro que non hai memoria sen prestar atención. Iso que se chama intuición, a intelixencia intuitiva así catalogada polo recoñecido biólogo suizo Jean Piaget (1896-1980), e posta de actualidade no libro de 2005 Inteligencia intuitiva. ¿Por qué sabemos la verdad en dos segundos? (do periodista canadense Malcolm Gladwell), descansa precisamente nos inventarios de experiencias previas que, por converterse en recordos latexantes, favorecen reaccións e decisións sen ter que pensar. Imos tendo claves que xeran automatismos para saber por adiantado ou para executar con axilidade.

    Intúo se vai chover pola orixe do vento ou pola cor das nubes. Decido ir ao cinema cando un filme ten valoracións confrontadas. Sei con quen falou miña nai pola conversa que mantén comigo.

    Coma todos os procesos cognitivos, a memoria é un mecanismo que debe exercitarse para que teña rendemento. Na esfera do ensino, todas as dinámicas de aprendizaxe precisan sempre e sen excepción de repertorios de memoria aos que acudir. Sen fondos de información non hai posibilidade de avantar en novas explicacións. Sen reter o que lemos nas páxinas primeiras, non é posible comprender o progreso narrativo nos capítulos posteriores. Atención e memoria son dúas caras desa moeda capital que usamos na formación dos estudantes. Memorizamos porque atendemos, porque hai algún motivo para espertar e para manter o noso interese. E prestamos atención porque estamos en condicións tanto para comprender novidades grazas aos coñecementos pousados, como para extender os nosos inventarios de saber. Memoria chama a memoria. Mais sobre todo memoria chama a atención.

    O canadense Donald Hebb (1904-1985), pai da biopsicoloxía e pioneiro da neurociencia actual, afirmaba que aprender consiste en reiterar unha e outra vez conexións entre neuronas. A denonimada regla de Hebb ten mostrado a súa eficacia nas redes artificiais de aprendizaxe. Ese requisito de redundar en circuitos para instruír en robótica figura maxistralmente plasmado na última novela do Nobel de 2017 Kazuo Ishiguro, Klara y el sol (2021), na que unha AA (amiga artificial), Klara, aprende a ser Josie por repetir e rexistrar memoria vital: “Cuanto más observo, más sentimientos acumulo”.

    Para reconocérmonos cada un de nós, son imprescindibles eses inventarios de lembranzas de vida. Esa mochila que cadaquén leva ás costas e que vai chea de prácticas acumuladas. Somos quen somos grazas aos nosos fondos de recordos. Á falla de memoria, perfil individual baleiro.

    05 jun 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito