Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Microeconomía da desigualdade

    HAI que escribir máis de economía, sobre todo os que non son –non somos– economistas. Xa o mesmo John M. Keynes matinaba que en días de penuria é moi necesario o que el chamaba a opinión “estrafalaria” (outlandish). En tempo de crise económica os economistas son os que quedan máis atordados, maiormente “os que non teñen bailarina”, como tamén argumentaba Keynes, marcando humoristicamente a diferenza entre o economista que durme cunha artista (coma el, con Lydia Lopokova) e o economista que só durme cunha concejala, ou cunha politóloga. O primeiro caso é o dun economista en permanente inspiración; o segundo é o dun economista sempre en confusión.

    Aquí entre os economistas galegos non se coñece ningún con bailarina. A cosmovisión gastronómica da nación determina só unha tipoloxía bipartita: o economista empanada (pero resesa, dura coma pedra ou coma laxe) e o economista filloa (máis fino, máis didáctico, mellor sazonado e salgado). As dúas modalidades entestan contra os tópicos temas universais –emprego, produtividade, renda...–, proxectados no palleiro da nosa economía (con poucas pallas en idioma galego), e vindo dar na insoportable levidade da macroeconomía da desigualdade, onde espernexan os “cráneos privilegiados” da economía global, desde Piketty a Galbraith o novo. Por certo, se Galbraith o vello levantase a cabeza e vise o seu fillo como especialista da macroeconomía da desigualdade e perdido na entoxeirada hipotipose dos seus erres (Renda, Remuneración, Riqueza, Riquiñeza...), aconsellaríalle con desencanto literario (foi tamén un bo novelista): Non hai que ocuparse tanto da macroeconomía da desigualdade, senón da microeconomía da desigualdade, que é a disciplina económica dos que padecen a eterna insuficiencia de cartos. Á microeconomía da desigualdade non lle interesa o patrimonio de determinados magnates senón a nómina de certos mangantes. Non lle interesan os millóns dos Hiperricos senón as monedas dos Monederos e os montantes das Monteros, ou sexa, “a calderilla salustiana” (de senador), esa desigualdade invisibilizada, que é a que incendia a paixón máis política: a envexa. “A democracia é unha creación da envexa”, dixo Bertrand Russell. Pero o fascismo tamén. Non serán os misiles de Putin (ou si) os que derrubarán o inmenso edificio da pecuniofilia política de Europa, senón a envexa, esa paixón tan desprezada polos espíritos hipócritas, pero estimada por Descartes (As paixóns da alma) como primeiro recurso cognitivo do instinto de equidade. Así foi en Versalles e así volverá ser.

    Pero hai que saber onde están as novas “clases ociosas” (Veblen), e para iso necesitamos economistas estrafalarios (podendo ser con bailarina) que nos abran os ollos.

    14 oct 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito