Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Monarca baixo sospeita

    Cómprense dez anos desde que a familia real española empezou a aparecer en papeis xudiciais. Tratábase entón dun membro consorte (Iñaki Urdangarín, marido da infanta Cristina) polas súas actividades corruptas no Instituto Nóos, aínda que o propio Urdangarín declarou que o seu sogro estaba ao tanto das súas andanzas do xenro e que lle advertiu para que as deixase. Dez anos despois de que comezase aquel proceso que levou a Urdangarín ao cárcere, a investigación xudicial recae agora sobre o propio Juan Carlos de Borbón, a conta de certas cantidades millonarias presuntamente recibidas como consecuencia das súas xestións na adxudicación do tren de alta velocidade saudí a empresas españolas, aínda que, curiosamente, o presunto diñeiro fora presuntamente entregado pola casa real saudí.

    No medio, ocorreu o accidente de Botsuana, nunha cacería de elefantes á que acudira en abril do 2012, nos momentos máis duros da crise económica, cando se lle pedía aos españois (tamén por parte do propio rei) rigor e sacrificios. Pediu desculpas ao saír do hospital e prometeu que non volvería a ocorrer. Pero xa estaba roto o encanto do juancarlismo. Empezaron a difundirse referencias sobre os seus negocios, primeiro en medios de comunicación estranxeiros e abertamente tamén en España, onde os medios de comunicación, con moi poucas excepcións, sempre tiveran un trato exquisito coa familia real até que foi imposíbel ocultar determinados comportamentos.

    Juan Carlos I rematou abdicando no 2014 e abandonando toda actividade pública no 2019. No 2020, o seu fillo, o actual rei Felipe VI, anunciou que lle retiraba toda asignación oficial e que renunciara á herdanza que lle puidese corresponder, quizais ante a posibilidade de que os fondos que comezara a investigar un fiscal suízo fosen diñeiro negro. Agora tamén hai un fiscal español investigando eses fondos, coas limitacións que impón a Constitución sobre a inviolabilidade dos seus actos até o 2014, é dicir, mentres foi rei.

    Con independencia do resultado final destas investigacións xudiciais, a figura de Juan Carlos de Borbón vai quedar xa deteriorada, como se tivese esgotado o prestixio conseguido nos seus primeiros anos de reinado, que parecía xustificar a utilidade da institución monárquica ante a sensibilidade republicana dunha boa parte da cidadanía. Aqueles anos nos que se falaba de que en España había máis juancarlistas que monárquicos. Curiosamente, para manter a utilidade da institución monárquica, Felipe VI tivo agora que romper co seu pai. Tendo en conta que Juan Carlos I se saltara antes a continuidade dinástica, para non forzar os mecanismos de sucesión do franquismo, aínda que despois reconducise o réxime cara a unha monarquía parlamentaria, da a impresión de que, de momento, cada monarca ten que traballarse o seu prestixio e o da institución que están a recompoñer.

    E como temos unha Constitución imposíbel de reformar na práctica, só nos queda cruzar os dedos para que os sucesivos monarcas non se deslicen ao lado escuro. Tampouco os gobernantes, pero a estes, polo menos, se lles pode cambiar cada catro anos.

    12 jul 2020 / 00:20
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito