Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Monarquías

DE entre as vinte cousas que é inescusable facer nesta vida figura, sen ningún xénero de dúbidas, ler A conxura dos necios (A Confederacy of Dunces) publicada por primeira vez en 1980, once anos despois do suicidio do seu autor, John Kennedy Toole, autoeliminación detrás da que andou, crueis paradoxos da vida, a reiterada negativa de varios editores a publicar a obra. Sagaces editores, por certo, que rexeitaron dar ao prelo unha das máis fascinantes novelas da literatura de todos os tempos, traducida e reeditada ata cansar. Que non leu vostede A conxura dos necios? E a que espera? Ande, ande, déixese de ler parvadas e fágase un favor: achéguese de contado á libraría máis próxima e adquira o libro, unha obra que, no peor dos casos, non o vai deixar indiferente.

Nos antípodas da opulencia, plutocracia, superficialidade, frivolidade e cinismo da sociedade americana, o esperpéntico prota da novela, Ignatius Reilly, reivindica os valores da sociedade medieval, estamentada, ascética e inmobilista. Cando a nai, alarmada, pregunta a Ignatius se é comunista (pois, pensa ela, na universidade hai moito comunista), Ignatius replica, ofendido, que por suposto non o é; ben en troques, di: “O que eu quero é unha boa monarquía, firme, cun rei decente, de bo gusto, un rei con certos coñecementos de teoloxía e de xeometría, e que cultive unha rica vida interior”.

Que un personaxe tan conscientemente anacrónico como Ignatius Reilly, que idolatra a Boecio e a monxa Roswitha, sexa un firme defensor da monarquía non deixa de ser revelador. Revelador da indiscutible compoñente de anacronía que a mesma institución da realeza incorpora. En tempos nos que, como consecuencia de transcendentes logros da sociedade, impera a liberalidade nos costumes, a igualdade de oportunidades e a absoluta democratización de todos os aspectos da actividade humana, que a xefatura dun Estado se herde por vía de consanguinidade ten a súa coña.

Non sei a vostede, pero a min toda a pompa, boato, protocolo e etiqueta que acompañan os actos oficiais das monarquías (recepcións, discursos, vodas, banquetes, funerais...), nos que sempre hai cregos e prelados, sóanme a viejuno e chéiranme a naftalina: iso de andar con reverencias, beixamáns, diademas, uniformes de gala, chorreras, mitras, coroas e demais metralla a min seméllame cousa do Capitán Trueno, o Cid Campeador e a xura de Santa Gadea, pero, en fin, alá cada quen.

O que si teño para min, en calquera caso, é que, quitados tal vez algúns cidadáns concretos (poñamos por caso, Rufián, Belarra e por aí), a disxuntiva monarquía-república é algo que a media dos españois ten arquivada na carpeta de cousas que lle importan tres pementos. Persoalmente, confeso a vostede que eu hai noites que non durmo, preocupado por tan agoniante dilema.

Ser republicano ou monárquico é como outras tantas milongas: indepe ou españolista, aries ou escorpión, amish ou hare krishna. Egoísta que é o ser humano, convencidos de que nunha Cataluña independente ou nunha España republicana os nosos problemas, angueiras, medos e eventuais alegrías cotiás van seguir sendo as mesmas que nunha Cataluña española ou no reino de España, a defensa desas magnitudes envíase normalmente ás vísceras gástricas, que é o mellor sitio para dixerir inutilidades e evacuar refugallos.

Persoalmente, Felipe VI e a súa culta muller non me molestan en exceso. Tampouco daría un dedo por eles, que conste. Vendo estes días pasados a conmoción mediática do falecemento da raíña dos británicos (un feito, claro, histórico de verdade), síntome un pouco desprazado por non compartir ningún dos entusiastas sentimentos que semellan invadir a media humanidade. O día do pasamento de Lilibeth, o meu fillo maior pasou ao grupo familiar un guasap: Morreu a vella! Ao que o seu irmán, dende o seu voluntario exilio na cordilleira cantábrica, repuxo: Que vella? Pensei: ou na cabeza ou nos pés, has saír a quen es.

26 sep 2022 / 21:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito