Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 04 diciembre 2022
02:05
h

Mozo vestido de negro

    UN amigo cura e sabio como moitos dos amigos de vós, chegou á igrexa e atopouse cun santo chorando, aburrido polo responso do crego que non acaba, que era tan longo coma un día sen pan. Probablemente alongado pola falta de preparación, pola intensidade de traballo que teñen os cregos na actualidade, pola falta de vocacións, pola escaseza de seminaristas e polo desprestixio da profesión, con miles de anos de aprendizaxe, de acción e de función. “Aquel cura é coma nós e nós somos iguais que aquel outro”, dicía Pedro de Pedre nunha longa conversa cando vivía na Alta Estremadura, coas súas primas, Asunción e Esperanza, as nais solteiras de Otilio e Graciano, respectivamente.

    Onde estarán todos aqueles que se fixeron curas nos seminarios galegos a mediados do século pasado? A onde irían parar os seminaristas que tanto rezaban, estudaban, cantaban e amaban? Aqueles ilustrados homes aldeás que facían piña como se fosen de cerne do mesmo carballo, onde estarán? E onde pararán aqueles letraferidos, no dicir de Xesús Alonso Montero ou de Alfredo Conde.

    Alá van! Andan espallados polo mundo de deus, polas oficinas relevantes, polos estudos de arquitectura, de fotografía e de pintura, polos xulgados da xustiza lenta, polas comisarías de policía, polos hospitais coidando da saúde deles e da nosa, polo mundo predicando ou nos escenarios ensaiando, tocando e cantando. E as súas casas de estudo, os seminarios Menores e Maiores, aí están producindo, reformados e convertidos en hoteis, restaurantes, zonas comerciais ou residenciais para quen poida pagar.

    Cómpre pensar nos tempos novos que virán, avivar as ilusións, escoitar e cantar en alto, sen esquecer nunca aquilo de Pablo Neruda, “es en ti la ilusión de cada día (...) socavas el horizonte con tu ausencia”. Os curas novos enténdeno ben. Son poucos, insuficientes e sabedores de que hai que andar e hai que chegar, aínda que sexa galopando nas redes sociais, a través do “creo ou non creo”, do si e do non.

    Na igrexa cambiaron as oracións, modelaron as interpretacións e reduciron os sermóns. Agora os cregos andan apurados para manter o temón e para que os fieis non se aburran e non se durman. Un deles, mozo vestido de negro e peiteado moderno, recordaba a lección do mestre, contundente e clara: “As homilías longas moven o cú de cada un dos fregueses, pero non o corazón”.

    05 oct 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito