Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 20 julio 2024
09:49
h

Mudarmos o modelo eólico

    A PRIMEIROS DESTE ANO escrebímos en EL CORREO GALLEGO que o modelo eólico que desenvolve a Xunta era non só insostíbel, senón colonial, ao exportarmos un terzo da electricidade que producimos sen ningunha caste de compensación tarifaria polos custos ambientais, paisaxísticos, económicos e demográficos sofridos. Porque este modelo de explotación a instalación de parques eólicos non xera emprego permanente e si limita outras actividades económicas (agrogandeiras, forestais, turísticas...) na perímetral e contorna dos parques, o que se traduce en menos renda e depresión demográfica, nunha dinámica moi semellante á malfadada repoboación forestal do franquismo nos anos 50 e 60 do século pasado. Galicia xa supera nun 57% os obxectivos de xeración por fontes renovábeis da UE para o 2030, con 3900 mw.operando téndose acadado a saturación eólica en amplas bisbarras galegas.

    Moitos sectores do País son conscientes da necesidade de mudarmos de modelo. E velaí o grande suceso das xornadas desenvolvidas esta fin de semana en Pontevedra convocadas pola plataforma Eólica así non, coa participación de máis de 250 persoas. Nelas expresouse de modo unánime a necesidade dunha fonda remuda lexislativa que reoriente a produción eólica no beneficio das comunidades locais que a padecen e do País que asume os seus custos.

    Das propostas de transformación do marco lexislativo cómpre salientar pola súa orixinalidade e potencial trascendencia a do profesor Carlos Aymerich (UDC), que propón que o Parlamento de Galicia, a medio dunha lei, declarar o recurso eólico, o vento, como ben de dominio público galego, ao abeiro do disposto nos artigos 5.1 da lei estatal do Patrimonio das Administracións Públicas e 2.4 da lei de Patrimonio de Galicia. Como o vento nunca foi recoñecido como recurso de dominio público estatal nin na Constitución nin en norma ningunha este recoñecemento é plenamente constitucional e abriría a porta a un réxime concesional en réxime de concorrencia competitiva, no que se vencellara a adxudicación do parque ao cumprimento dun plan industrial e á participación pública e das comunidades locais nos beneficios da explotación.

    Moitos relatores e participantes propuxeron tamén a fundación dunha sociedade pública galega aberta á participación dos concellos, que partillase neses procedementos de concorrencia concesional e/ ou no capital dos proxectos empresariais que concorresen aos mesmos.

    Sectores moi amplos e transversais da sociedade galega están xa por un outro modelo de produción eléctrica.

    07 feb 2023 / 06:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito