Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Muíños de vento na paisaxe

SEGUINDO coa problemática da enerxía eólica que comecei no anterior artigo, quero hoxe tratar un tema que é da máxima relevancia con respecto ás actitudes que orixinan a presenza destes muíños: a de perturbadores das nosas paisaxes, que para moitos analistas, como consecuencia do resultado de amplas enquisas de opinión, é o factor principal de rexeitamento destas instalacións, moi por enriba das afeccións ambientais (ruídos, morte de paxaros, ocupación de ecosistemas protexidos, etc.) ou de carácter económico (desvalorización das propiedades, perda de ingresos por turismo, etc.).

Teño que sinalar que os valores da paisaxe que se consideran neses traballos, e por suposto neste artigo, corresponden aos derivados da Convención Europea da Paisaxe de Florencia do ano 2000, nos que non só se teñen en conta as calidades estéticas da contorna, senón que tamén se inclúen nesas apreciacións, entre outras, o valor simbólico de determinados elementos patrimoniais, así como o seu aproveitamento sociocultural para lecer, deporte ou educación.

En relación co impacto visual, que normalmente vén condicionado polos valores transmitidos polas tradicións herdadas ou pola aprendizaxe, habería que dicir que o que hoxe definimos como fermoso non sempre foi así. Hai toda unha historia dos valores estéticos atribuídos polo ser humano á natureza que nos ensina que as calidades da paisaxe que hoxe valoramos (naturalidade, harmonía, etc.) teñen pouco máis de cento cincuenta anos no mundo occidental. Antes era moito máis “fermosa” unha natureza intervida e modificada polo home, como testemuñan p.e. os escritos de Sarmiento e Jovellanos.

Por iso, estimo que non debería ser considerado como un disparate que se aceptamos que esa evolución do gusto continúase, dentro de non moito tempo e sempre con determinadas medidas de respecto polo carácter do territorio, poderían chegar a ser admitidas novas paisaxes cun particular protagonismo destes moder-
nos muíños de vento. Isto ocorre na ac-
tualidade coa ponte dos Santos na ría de Ribadeo, infraestrutura que tivo unha
sinalada contestación no seu momento
pola súa afección paisaxística, pero que hoxe practicamente todos os habitantes da contorna a teñen asumida polos benefi-cios socioeconómicos que xera.

Non obstante, á hora de instalar parques eólicos, habería que ter unha especial sensibilidade para recoñecer o “carácter do lugar” e os seus elementos máis representativos na paisaxe, que poden depender de tradicións, case sempre relixiosas, arraigadas moi de vello na cultura popular, ou ben ter unas raiceiras máis novas, como moitos lugares transformados en referencias identitarias polos movementos cívicos, ou, cun rexurdir case actual, como o milagre dos camiños a Santiago que en pouco mais dunha década convertéronse para milleiros de persoas nunha senda marcada por valores espirituais, históricos e mesmo deportivos.

En todos estes casos a instalación dos aeroxeradores, tan necesarios para o
noso futuro, debería desenvolverse cun coidadoso respecto por estes valores da paisaxe a partir dunha planificación
sensata e global (que non hai) e que, evidentemente, podería rexeitar a súa instalación en determinados lugares de
especial significación. Neste difícil acordo, as posicións maximalistas dun ou doutro sentido, deberían de ser refugadas e procurar sempre un diálogo sin-cero coas poboacións mais afectadas, pois os muíños imos ter que aceptalos, queirámolo ou non, como algo propio
do territorio galego.

Teño diante un sinxelo debuxo feito por nenos, coa serra de Meira inzada destes aparellos. Penso que o fixeron sen maiores traumas, polo que cabería imaxinar que no día de mañá poderían estar afeitos xa á súa presenza e, como tamén nos amosan esas enquisas das que falaba ao comezo deste artigo, ser un exemplo máis desas comunidades que rexeitaron inicialmente os muíños pero que despois de convivir un tempo canda eles, chegaron a desenvolver un certo grao de aceptación.

10 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito