Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Mulleres de palabra

    Un dos aspectos diferenciais da cultura galega verbo doutras culturas é a importancia que tiveron as súas intelectuais. Dáse a circunstancia, ademais, de que é unha muller, Rosalía de Castro, uno dos principais símbolos da nosa creatividade cultural e da nosa identidade como pobo. Ela escribiu unha páxina memorable na historia do noso rexurdimento ao ser quen de rescatar o galego do ámbito popular e elevalo a lingua literaria de primeiro nivel. Tamén en castelán a súa obra foi merecente de figurar entre as principais da literatura do romanticismo decimonónico.

    A carón de Rosalía figuran outras mulleres sobranceiras que destacaron no pensamento social, na novela ou no xornalismo. Poderiamos mencionar, entre outras, a Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán ou Sofía Casanova. De todas elas é esta última probablemente a menos coñecida, malia ser considerada a primeira correspondente de guerra que enviou ao xornal ABC as crónicas dos principais conflitos bélicos que asolagaron Europa na primeira metade do século XX.

    A estas catro intelectuais está dedicado o libro colectivo titulado Catro Mulleres de Palabra, que foi presentado a semana pasada na Casa de Galicia, en Madrid, con gran asistencia de público, que posteriormente participou nun coloquio cos autores e autoras presentes.

    O acto estivo moderado pola xornalista e académica Pilar Falcón quen, na parte final da presentación, preguntou aos participantes con cal das catro intelectuais nos quedabamos. Cada un dos participantes, sen ter preparada a resposta, elixiu a unha autora distinta. Algo que confirma que as creacións literarias e filosóficas son obras abertas que o lector debe pechar no proceso de lectura.

    As raíces intelectuais e o pensamento filosófico, político e metafísico destas catro autoras conforman a marca diferencial deste libro, nacido para o gran público, aínda que sexa o froito dunha prolongada investigación. Moi recomendable, abofé!

    30 ene 2023 / 06:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.