Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Mulleres Magníficas

    ESTABAMOS acostumados a que novembro cheirase xa a Nadal. Lamentablemente, este ano cheira a outra fase de confinamento e de novo a corresponsabilidade familiar ronda a miña cabeza. Mentres non ocorre, o curso escolar é presencial e o mércores pola tarde da pasada semana tocaron tarefas escolares de Ciencias Sociais co meu fillo.

    “Dos autores subraiados, elixe e copia un poema ou, no seu caso, cita e resume a súa obra máis importante”.

    Certo que os deberes eran de Soci e non de Lingua, mais o caso é que o exercicio consistía en localizar aos autores máis representativos do Romanticismo en España ao longo do século XIX, uns quince nomes, cos seus apelidos, que facilmente atopamos no libro de texto.

    Curiosamente, só apareceron ilustres señores autores, de sexo masculino unicamente, porque o manual en cuestión recoñece aos homes como grandes novelistas e poetas españois daquel século (e de seguro que dos demais). Nin unha soa señora.

    Nin rastro de Rosalía de Castro nin de Emilia Pardo Bazán. Normal, Rosalía só foi unha das máis grandes poetas da literatura española do XIX e Dona Emilia, ademais de novelista e moitas outras cousas, só destacou por ser pioneira do Feminismo e a primeira escritora do país que, coa obra La Tribuna, comezou a que se deu en chamar despois novela social, incluso antes que o seu amado Benito Pérez Galdós, quen, por suposto, levou a gloria de ser o primeiro.

    A medida que iamos traballando os nomes dos señores autores, claro que o meu fillo (dez anos) nin se percataba dos esquecementos, pero a súa nai (que son eu) cada vez estaba máis mosqueada. Entón foron aparecendo pola miña mente todas esas mulleres brillantes ignoradas ao longo da historia, mulleres relevantes que pasaron sen pena nin gloria.

    Lembrei a Eleonor Marx, grande tradutora, que destacou en política e foi coeditora en inglés de O Capital, traballando ao carón de Engels, que levou a fama. Tamén a Camille Claudel, artista que revolucionou a escultura en París e cuxa obra foi furtada polo seu amante e mentor, Rodin.

    E ás miñas admiradas Clara Campoamor e Concepción Arenal, xuristas de prestixio e políticas que tanto ben e tanta defensa fixeron polas mulleres da súa época. Ata lembrei a Eunice Foot, a primeira investigadora que demostrou cientificamente o cambio climático, alá polo século XIX, sen que se lle recoñeza. E así, unha tras outra, foron aparecendo todas esas Mulleres Magníficas que me gusta revelar e compartir nas miñas redes sociais.

    Por que ningunha delas ten dereito a que as estuden rapazas e rapaces de Primaria? Por que están vetadas nos libros de texto? Ou é que a ninguén lle sorprendeu nunca que nos manuais da escola non haxa mulleres escultoras, novelistas, poetas, xuristas, políticas ou científicas?

    Vai sendo hora de nos sorprender e, ademais, nos cabrear. Vai sendo hora de que lle deamos unha volta á Historia. Hai unha chea de Mulleres Magníficas agardardando na cola para ser incluídas nos libros de texto.

    E así pasará que, cando volvan montar o Foro La Toja (ten bemoles o nome) tamén poderán invitar a moitas mulleres ás súas mesas de debate e, xa nesas mesas, alguén se fará a pregunta de por que as mulleres non chegan coa mesma facilidade a postos de alta responsabilidade e que, aínda chegando, nunca son invitadas por igual. Quizais todo comece coa revisión dos libros escolares.

    06 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito