Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Naftalina

    SEGURO que o titular de hoxe activa cheiros do pasado. A naftalina, cunha química perfectamente definida, emprégase para escorrentar as polillas da roupa. Permite entón manter esas prendas que pretendemos que nos acompañen, as que sobreviven nunha mesma casa máis dunha tempada.

    A persoas que valoramos os panos e a labor de as persoas que os transforman en prendas sabemos que a presenza de polillas é un indicador de calidade das mesmas, como xa mencionei nunha mandala dedicada á calidade. Podemos ter moitos indicadores computables, pero as veces os naturais son as grandes evidencias de calidade, e non bobadas que xustifican os nesgos de presuntas excelencias.

    O afecto polas prendas valiosas, e tamén a necesidade de mantelas vivas, levou ás nosas avoas e nais, na miña casa tamén ao meu pai, a empregar naftalina para que non se danasen. É un nome ao que lle teño afecto pola protección e amparo que deu a prendas que me seguen acompañando, e apela á sostibilidade.

    Con todas estas lembranzas protexidas de polillas, a mandala de hoxe é a miña homenaxe e recoñecemento á propietaria de NAFTALINA, na Algalia de Arriba. Representa non só comercio local. Neste pequeno espazo, e na tenda anterior, teño atopado prendas con moita valía, pola súa composición e por adaptarse a miña talla mellor que outras prendas en serie.

    Está, asemade, o valor engadido de coñecer a traxectoria de algunhas prendas grazas á propietaria, que a moitas delas lles imprime a súa propia creatividade, e en algunhas ocasións, poder contar coa a valiosa opinión da súa nai, que sempre emite elegancia.

    Para eventos especiais, algúns moi reais, teño elixido prendas de Naftalina coas que sempre me sentín moi cómoda, e só disfrazada no último entroido no que, grazas a variedade desta tenda vintage que pechará o 30 deste mes, puiden repetir o tema chi-
    nés do disfrace dos 10 anos que me fixera a miña nai.

    Ademais de roupa e sombreiros, sempre atopei valiosos detalles, como os botóns. Xoias que sobreviven ás veces ás prendas e nos conectan con tempos pasados. Eu coido moi especialmente o que a miña nai elixiu para adornar un especial vestido feito por ela no ano 60, e tenme acompañado en datas moi singulares.

    O recoñecemento dos botóns tamén soa este mes nas Costuras de Guadi Gallego. Un agarimoso disco, para unha nena criada nunha xastrería. A compra anticipada, tróuxome como agasallo un singular botón de Trisquel Artesanía, que me fixo lembrar as xoias-xoguetes coas que me gustaba pasar o tempo de pequena, e que transformei nun singular anel, como fixera cun moi especial da miña nai e co alegre garavanzo co que me agasallou a novena promoción de Estalmat-Galicia e co que comecei este curso na súa honra.

    Grazas Lurditas polo teu traballo e por todos os sorrisos, polas enerxías compartidas e polas prendas que me seguirán acompañando, ao traspasalas a miña particular delegación de Naftalina. Os meus mellores desexos para a túa nova tempada, sabendo que non se apolillará a nosa amizade!

    05 dic 2020 / 00:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito