Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Nankurunaisa

    POR azar chegou ós meus oídos unha palabra fermosísima. Á frase da que procede, de orixe xaponesa, déuselle o significado de “vive hoxe polo ben do mañá e non esquezas sorrir”. Dende Okinawa traspasou as fronteiras e hoxe búscanse distintas interpretacións, incidindo na idea de que “todo vai estar ben” ou que “o tempo todo o cura”. Trátase dun termo cargado de enerxía positiva, tan necesaria nos momentos difíciles que a vida intercala por momentos. Dise tamén que os ancestros a pronunciaban coma un mantra para atraer á boa sorte. Traíalles paz interior e confianza no que estaba por vir. Nankurunaisa. Nankurunaisa.

    Con esta expresión recórdannos que nunca debemos olvidar quen somos, tamén que temos que vivir polo presente e polo futuro, sen deixar de sorrir. Por terrible que teña sido esa xornada debemos lembrar que o próximo día o sol recibiramos cun sorriso, con ledicia. Nankurunaisa trae consigo unha mensaxe de esperanza, afirmando que todo pode cambiar e mellorar. Se non pensaramos que todo vai estar ben ó final pode que nos deramos por vencidos nada máis atopar un obstáculo. Pero moi a miúdo buscamos sacar forzas de onde case non hai, confiamos e superamos o que nos parecía imposible. Esa é a idea que se pretende transmitir: que se seguimos intentándoo, se perseveramos, o tempo mesmo arranxará as cousas.

    Ás veces preocupámonos por asuntos insignificantes, magnificamos pequenos defectos ou problemas e só cando pasa o tempo somos capaces de ver que aquelo que tanta preocupación nos fixo sentir non era tan grave. Problemas que puidemos ver como xigantes ó estilo dos muíños de Don Quijote logo volvéronse diminutos.

    Todo isto deixando á marxe experiencias traumáticas que nos puideron marcar e que sempre se lembran con dor. Ideas como que “o importante é a saúde” ou que “mentres hai vida, hai esperanza” tamén se asocian a esta expresión xaponesa. Se traemos pensamentos positivos, se buscamos a luz, máis sinxelo será conseguir o que procuramos.

    Todo apunta a que somos nós os que realmente damos ás palabras o poder que teñen, en especial cando as repetimos de xeito consciente, tendo presente o seu significado. Debemos, pois, aprender a empregar a lingua de xeito construtivo, sendo responsables do poder que posúen as palabras que pronunciamos. Construimos e destruimos con palabras, posto que se convirten en pensamentos e accións. Hai palabras que firen e palabras que sanan. Palabras que nos emocionan, que nos tocan o corazón, que nos rozan a pel coma un bico ou unha aperta.

    A forma na que falamos, con máis ou menos palabras positivas e negativas, determina tamén a percepción que os demais teñen de nós. As queixas, os reproches, a gratitude, a alabanza... sempre que empregamos as palabras están a influír no noso comportamento e no estado anímico. Debemos elixilas ben. Ás veces esquecémonos da súa importancia... Debemos falarnos a nós mesmos con mensaxes positivas, activándonos para acadar o que temos en mente.

    Semella que practicar isto da Nankurunaisa leva implícito entender que todos os acontecementos que teñen lugar na nosa vida son parte dun todo, tanto os bos coma os malos. Parecen pezas dun puzzle que conforma a nosa existencia. Hai pezas que nun momento non encaixan, logo todo cobra sentido.

    19 may 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.