Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Neoliberalismo e empobrecemento cultural

HAI case que dúas décadas o profesor e analista norteamericano James Petras, no artigo “O imperialismo cultural no finado século XX”, analizaba o proceso de asimilación que no eido da cultura e os comportamentos sociais se estaba a dar en paralelo coa globalización neoliberal no eido económico. Dicía Petras:“O imperialismo non pode ser entendido só como un sistema económico-militar de control e explotación. A dominación cultural é unha dimensión integrante de calquera sistema sustentábel de explotación global...

En relación ao Terceiro Mundo, o imperialismo cultural pode ser definido como a penetración sistemática e a dominación da vida cultural das clases populares polo clase dirixente de Occidente a fin de reordenar os valores, o comportamento, as institucións e a identidade dos povos oprimidos...”.

Resulta evidente que a globalización, a revolución nas comunicacións dixitais, esmagou as defensas tradicionais que os povos dependentes e subalternos tiñan, tanto para preservar a súa identidade, como para garantir o control e redistribución dos bens e servizos producidos polo seu esforzo cotiá. Daquela que esta sexa a etapa de maior desigualdade nos últimos séculos. Hoxe, mesmo estados poderosos como Franza sentiron este perigo, e París deu unha dura batalla na OMC respecto da produción e comercialización audiovisual, fronte aos intereses anglosaxóns liderados polos Estados Unidos.

Neste intre o vello imperialismo, de matriz anglosaxoa, e países aliados nun papel subimperialista e subordinado, ven como van perdendo poder no eido económico, mesmo da tecnoloxía punta. E a globalización neoliberal amosa que chegou á sua etapa final, afondando na confrontación e á desigualdade, e na desfeita ecolóxica. Nesta lóxica de recuperar o pasado agudizase o control das ideas e da cultura, como nunca antes no (e polo) “mundo occidental”. Unha regresión preocupante que nos coloca no conflito permanente, en lugar de procurar saídas negociadas, coa maior cantidade de suxeitos, para garantir a súa pluralidade e fortaleza como garantía de cumprimento das normas.

Polo tanto, para superar esta poza non abonda con medidas que transformen o modelo económico e social e o modo de vida, dando pasos decisivos a prol da xustiza social, da soberanía dos povos, e da democracia participativa, senón que urxe manter o patrimonio cultural en toda a súa diversidade, porque é parte esencial da riqueza da humanidade. Hoxe internet, a TV, mesmo moitos xornais e radios, transmiten ou retransmiten directamente dende os centros político-económicos, cunha estrutura propia da etapa feudal, dado que a maior parte están controlados por grandes corporacións que valoran que consideran a información como un ámbito máis da acumulación e de poder.

Lembremos que as persoas pasan horas diante da televisión en actitude pasiva, e realizan nas redes e cos móbiles accións repetitivas, ao que suma o control polos grupos de poder económicos dos principais medios de comunicación. Co que isto implica respecto das mensaxes subliminais. Mesmo chama atención que non se valore a violencia nas series como un dos factores que alentan a agresividade, contrapondose ao que se predica no ensino e nas campañas oficiais.

Os governos, mais tamén as corporacións, dado a súa incidencia e poder, teñen obrigacións coa sociedade mundial, e con cada nacionalidade, grande ou pequena, non só respecto do desenvolvemento económico e social, coa igualdade de trato, con condicións laborais dignas, coa protección do ecosistema, senón ademais de potenciar a cultura e preservar súa diversidade. Porque a pregunta é: que mundo queremos construír?

15 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito