Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Non fales mongol!

    SALTOU unha noticia aos medios estes días que fixou a miña atención e que quero compartir neste recuncho. Trátase do problema xurdido con China e a etnia mongol da rexión setentrional chinesa de Mongolia Interior. A etnia mongol desta zona –seis millóns de persoas– podía enviar os seus fillos a colexios mongois, onde se impartían as materias na súa lingua materna, o mongol, ou a colexios mandaríns. China decidiu dar un paso máis e impoñer a lingua mandarín como lingua vehicular para algunhas materias e para todo o alumnado, incluído o que asiste aos colexios mongois.

    O Goberno chinés defendeu e argumentou a súa decisión de impoñer o mandarín porque é “beneficioso” para conseguir que os falantes de linguas minoritarias se poidan integrar na sociedade e favorecer así a inclusión no mercado laboral e tamén para que “acepten os coñecementos científicos e culturais modernos” (polo que entendo, segundo eles, en mongol isto non se pode facer).

    Ademais, xa de paso, pecharona única rede social que existía en China en idioma mongol e que contaba cuns 400.000 usuarios xunto cos debates e foros ao redor da educación bilingüe. Que vos parece?

    Estas medidas provocaron protestas de distintas asociacións a prol dos dereitos humanos así como entre estudantado, profesorado e, por suposto, tamén en Mongolia onde o seu ex presidente Elbegdory, indicou: “Temos que apoiar os mongois loitando por protexer a súa lingua materna e o alfabeto en China. O dereito a aprender e a usar a lingua materna é un dereito inalienable para todos”.

    Nun mundo no que todos estamos de acordo en defender o plurilingüismo e a diversidade, comprobamos continuamente como se establecen excepcións a conveniencia. Limítanse e aténtase contra os dereitos de pobos minoritarios, como son os das tribos indíxenas e, por suposto, contra as linguas minoritarias e os dereitos dos seus falantes aínda que, ás veces, non son minoritarias senón minorizadas, é dicir, son linguas faladas por moitos falantes pero que non se empregan en todos os contextos nin se fomenta o seu uso.

    Mentres, o resto do mundo desde a súa comodidade e superioridade, cre que tamén lingüística, cala. E todo acontece malia existiren tratados internacionais que as protexen como é o caso, por exemplo en Europa, da Carta europea das linguas minoritarias ou rexionais. E digo eu, por que demontres hai falantes neste noso mundo que teñen que renunciar á súa identidade e á súa lingua aínda que non queiran? Falan mongol porque si, porque lles peta e punto.

    08 sep 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.