Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Non sen os saharauís

    Non sempre podemos elixir os veciños e menos aínda cando se trata de países. E se o veciño que nos tocou é como é, non temos outra alternativa que aturalo. E isto é o que sucede con Marrocos, especialmente desde a súa independencia. O sultán Mohamed ben Iusuf, regresado dun breve exilio imposto por Francia, aproveitou que este país estaba inmerso no conflito de Alxeria para impoñerlle a independencia e proclamarse rei co nome de Mohamed V. A independencia, negociada unicamente con Francia, pillou co pé cambiado ao réxime franquista, que uns meses despois, cando o monarca marroquí visitou Madrid, tivo que seguir a senda francesa e renunciar ao protectorado.

    O seu sucesor, o seu fillo Hassan II, ascendeu ao trono de Rabat en 1961. Ben axiña estableceu unha alianza con Washington sen esquecer as relacións privilexiadas con París, que deixaba que a monarquía alauíta se convertese nun kingdom business, grazas a que o rei era dono de importantes recursos. E a aparencia democrática apenas servía para os xogos dos partidos tolerados polo rei, mentres que o verdadeiro poder estaba na corte, no Makhzén.

    O seu fillo, Mohamed VI, que tivo que ser casado á morte de Hasán II para poder acceder ao trono, continuou a mesma política de cleptocracia real e chantaxes do seu predecesor. Entre estes, e nos derradeiros días do mandato de Donald Trump, conseguiu que Washington recoñecese, co concurso de Israel, a soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental e a cambio Rabat facía o mesmo verbo do estado hebreo. Sen embargo, Joe Biden seguiu o mandato da ONU e non ratificou a decisión do seu predecesor na Casa Branca.

    A mesma práctica de chantaxes que seguiu a empregar despois que o embaixador alemán nas Nacións Unidas recordase o pasado maio que o asunto do Sáhara segue vinculado á xurisdición deste organismo: Rabat denunciou ou “activismo antagónico” de Berlín e fixo regresar á súa embaixadora en Alemaña.

    E do mesmo xeito, despois que o goberno español aceptase tratar nun hospital ao secretario xeral da Fronte Polisario, Brahim Gali –deixando á marxe como entrou en España-, Rabat abriu –como quen dá á billa da auga- a fronteira de Ceuta para que milleiros de persoas –moitos deles menores- entrasen en territorio español. A advertencia era clara e non só por aquela morea de xente: a importancia do lobby pro marroquí en España.

    E un asunto co que Marrocos –especialmente o seu rei- fixo negocios foi cos dereitos pesqueiros e agrícolas emanados do Sáhara Occidental e negociados coa Unión Europea. Despois de que a Fronte Polisario presentase unha reclamación perante o Tribunal Xeral da Unión Europea, este ven de sentenciar de maneira contundente que Rabat non pode negociar os recursos naturais terrestres ou marítimos do Sáhara Occidental, en tanto en canto estes pertencen –malia que non sexa efectivo pola ocupación militar marroquí- ao pobo saharauí.

    Esta é a segunda ocasión na que o alto tribunal europeo anula uns acordos da UE con Marrocos. Estes eran os de 2018. A primeira foi en 2016 e Bruxelas consultou con organizacións saharauís, entre as que non estaba a Fronte Polisario. A recente sentencia recoñece, alén dos dereitos dos saharauís, a facultade desta organización –malia non ter condición de suxeito xurídico internacional- para e emprender accións legais no seu nome.

    Doutra banda, desta sentencia pódese derivar que de igual maneira que a pesca e a agricultura, os fosfatos de Bu Craa non poden seren comercializados sen o concurso da poboación local orixinaria. En calquera caso, que o censo de esta non estea actualizado non é culpa dos dirixentes saharauís nin dos refuxiados nos campos de Tinduf senón da neglixencia expresa das autoridades marroquís, que desde hai anos teima por agochar a ocupación.

    E se alguén ten dúbidas da existencia dun lobby favorable a Rabat, velaí a mensaxe conxunta de Josep Borrell, alto representante de Política Exterior da UE, e de Nasser Burita, ministro marroquí de Exteriores, na que sinalan que de cara á “estabilidade comercial” tomarán “as medidas necesarias”. Choca que un vicepresidente, nada menos, da Comisión Europea ignore abertamente unha sentencia do Tribunal Xeral da UE fronte a parte demandada.

    Joaquim Ventura

    01 oct 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito