Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Non son tempos para as ambigüidades

    A caída do PIB no Estado español nun -0.5% no primeiro trimestre do ano, respecto do ultimo trimestre do ano anterior, non é unha boa noticia, máxime cando o consumo das familias baixou nun -1% e as axudas das organizacións sen fin de lucro aos fogares nun -2,1%. Son dados que deixan en evidencia, que os efectos beneficiosos dos ERTEs, o IMV, ademais das súas limitacións non compensan a degradación dos ingresos, especialmente nos colectivos vulnerábeis, en precario e por debaixo da liña de pobreza.

    Diante destes resultados axiña o Governo corrixiu tanto, o déficit das contas públicas para este ano considerando agora que chegará ao 8,4%, como as perspectivas de medre do PIB que agora valora será dun 6,5%. Porén, diante deste panorama son necesarias medidas que reforcen as axudas públicas a estes colectivos con graves dificultades, e ademais aumentar a presión fiscal sobre as grandes fortunas e corporacións, dado o seu grao que enriquecemento na pandemia e a utilización de todo tipo de argucias para evitar impostos. Son cartos que non se recuperaran no futuro, e o capital non garante a súa utilización para crear emprego, mesmo hai máis posibilidades de que se usen para especular, vexase os movementos nas Bolsas, criptomoedas, etc.

    Resulta evidente que esta evolución do PIB responde en gran medida a que a pandemia segue condicionado a actividade económica, especialmente os servizos e transporte, porén tamén se debe a que os fundos de reconstrución da Unión Europea, que terían que empurrar o investimento e consumo, non dan chegado. Ademais, cómpre ter en conta que a contía destes fundos será moi inferior á que aprobaron os Estados Unidos ou China, e que deberan ser devoltos, aínda que sexa nun período máis longo que o habitual e os xuros sexan baixos.

    No caso dos créditos, a metade do total dos fundos no Estado español, a devolución será mediante unha maior presión fiscal e/ou rebaixando servizos públicos. Isto dependerá da correlación de forzas en cada país e da vontade política dos governos. Nas subvencións as axudas recuperaranse con novos impostos decididos pola Comisión Europea e aumentando a taxa sobre algúns dos existentes. Polo tanto o escenario no futuro, se non hai modificacións no modelo económico e social, tendo en consideración os antecedentes e a correlación de forzas neste intre, ignorará a xustiza social e quen produce fundamentalmente o valor e dinamiza a economía, sobrevalorando o papel do capital, xustificando así a centralización e concentración do poder e da riqueza, e utilizando como escusa a globalización e a competitividade empresarial.

    Como, cando e quen, vai asumir estes custes é unha cuestión de moita transcendencia, tanto social como territorial. Lembremos que a crise que se iniciou en 2008 foi pagada fundamentalmente pola clase traballadora e os países que teñen un papel subordinado na cadea de valor, mesmo aqueles que están na periferia máis próxima ao centro de poder, como Galiza. Repetirase nesta pandemia esta tendencia dominante no capitalismo? Que custes terá para Galiza a recomposición do sistema produtivo e das “novas” relacións laborais que trae aparellado? A morea de peches, reducións de cadros de persoal, e degradación das condicións laborais contan coa axuda das reformas laborais do PSOE e PP (que no fundamental seguen vixentes) e unha lexislación represiva coa protesta social (Lei Mordaza e artigo 315.3 do CP).

    Moitos deles son conflitos de intereses (de clase) que non son conxunturais, xa que non están ligados á pandemia, esta só se emprega como escusa. O aspecto positivo é que, malia as limitacións que impón o virus, a resposta laboral é constante, abonda ver a morea de mobilizacións, varias todos os días. As manifestacións do 1º de Maio reflectiron que o movemento obreiro segue forte. A cuestión é, para alén das promesas, cales son as políticas que impulsará o Governo?

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    06 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito