Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Non todo vale

    Un xa vai canso de ter que aturar descualificacións sen mesura coma as que este días últimos diversos representantes das dereitas están a pronunciar a propósito da sentencia que establece unha cota do 25% para o ensino de castelán nunha escola pública de Canet de Mar. E do mesmo xeito, tamén cansa a teima dos hiperventilados que no campo do independentismo estanlles a responder cun fanatismo semellante.

    Convén, con todo, deixar sentadas unhas cuestións previas. A primeira é que o modelo chamado de inmersión lingüística en Cataluña, é dicir o uso prioritario e vehicular da lingua catalá no ámbito escolar, que se estableceu a comezos dos anos oitenta non foi impulsado polo nacionalismo identitario senón pola esquerda, coa pedagoga Marta Mata á cabeza. Daquela, o pujolismo prefería un modelo segregado entre catalán e castelán que grosso modo viría coincidir coa rede concertada e pública, respectivamente. É dicir, un modelo claramente clasista. Finalmente, a Lei de normalización lingüística de 1983 impuxo as bases do modelo inmersivo pero a rede pública nunca foi prioritaria para os gobernos de CiU.

    A segunda é que se ben o sistema escolar catalán salvou a división lingüística, non sempre constituíu un modelo de éxito, especialmente en determinados sectores sociais empobrecidos. E co paso dos anos, o que era percibido coma unha vía de ascenso social pasou en moitos casos a ser visto como unha carga pesada e inútil. Circunstancia agravada polas recentes migracións (a poboación catalá medrou un 25%, 1.500.000 de persoas en corenta nos), cando algúns dos seus protagonistas teñen que aprender o castelán e outros, que trouxeron o español de alén o Atlántico, resultan en ocasións refractarios a usar o catalán.

    Estas circunstancias levaron a unha actitude de resistencia por parte de determinados sectores do soberanismo que no fondo seguen a aspirar a un modelo ideal de monolingüismo hexemónico catalán. Son os herdeiros dos que promovían unha dobre rede nos oitenta. E foi desde este sector desde onde saíron as (poucas) ameazas contra a familia de Canet de Mar que presentou a demanda a prol do ensino en castelán.

    Hoxe sería preciso reformular o modelo lingüístico na rede escolar catalá, especialmente no que afecta a un maior reforzo dos rapaces e rapazas que se incorporan ao sistema sen coñecer a lingua catalá e, moitas veces, tampouco a castelá. Porque, ao cabo, teñen que acadar o nivel curricular establecido e sen o dominio das linguas, resulta moi difícil obtelo.

    Dito isto, e unha vez que a escola de Canet de Mar está a aplicar a sentenza, resulta incomprensible a ofensiva das dereitas contra o goberno PSOE-UP empregando o asunto da lingua catalá. Peor aínda cando as acusacións aproveitan figuras de padecemento como o apartheid, Ermua ou a comparación cos nazis (e as vítimas, cos xudeus) dos que ata agora aplicaron a lexislación vixente, referendada por diversas sentencias do Tribunal Constitucional. Ou empregando mentiras como a de que os nenos que falan en castelán son privados de ir ao baño ou que lles cargan pedras na carteira.

    Uns separadores que por un puñado de votos, non dubidan en sementar odio e carraxe como se nas rúas catalás estivésemos a coiteladas por saber quen di un “bon dia” ou uns “buenos días”. Uns separadores que seguen a considerar que o catalán -e por extensión, o galego e o éuscaro- é unha anomalía, mantida para amolar aos castelanfalantes, e que o castelán é a única lingua que ten auténtica condición constitucional. Uns separadores que elevaron a categoría uns tuits e unhas pintadas feitas por uns fanáticos soberanistas pero que calaron cando nas paredes da escola apareceron consignas de fanatismo españolista.

    E cansa que cando un deixa atrás os límites de Cataluña teña que andar xustificando que exercitar a lingua propia do país -feble fronte á outra lingua oficial- non é unha imposición senón o que se supón un uso de maneira normal. Tal vez teñamos que establecer -dando a volta á sentencia- que as autoridades garantirán, pese a quen pese, que o 75% das materias escolares serán en catalán de maneira efectiva, un nivel superior ao que hoxe de facto hai.

    Joaquim Ventura

    24 dic 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito