Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Normalidade?

    SEGUE o virus circulando entre nós pero ansiamos vernos as caras e as clases xa son case sempre sen máscaras que tapen os sorrisos. Non hai alumnado con tapabocas, agás algún caso puntual. E entre os profesores somos moi poucos os que usamos a máscara na clases máis numerosas, onde as aulas están ateigadas de alumnos que neste comezo do outono xa amosan os síntomas dos catarros, da gripe e mesmo do coronavirus. Estornudos, tos... o malestar percíbese nalgunhas facianas.

    Tratábase de normalizar a nova enfermidade, de acudir ó centro de traballo ou de estudos aínda estando contaxiados (un erro, na miña opinión), pero talvez nos esteamos a relaxar tanto que esquecemos o acontecido ó comezo da pandemia. Olvidamos as cifras, a gravidade.

    Volve o frío e con el segu-
    ramente os contaxios. Por favor, ventás abertas! Hai xente que o segue a pasar mal can-do pilla o virus e os que non o pasamos aínda tememos ante a incerteza de saber como reaccionará o noso corpo.

    Fálase da nova dose da vacina, que xa se administra nas residencias de maiores. Axiña chegará o cuarto pinchazo para os que aceptamos o estipulado sen protestar, fronte a aqueles que se negaron a ser vacinados e foron vistos coma un perigo para o resto da sociedade. Dese xeito, coa cuarta dose, volveremos estar un chisco máis preto da normalidade.

    Dá gusto que volvan os bicos, os xantares con grupos e a vida de antes. Claro que o desexamos! Necesitámolo por saúde mental. Volven os beizos vermellos, que só decido esconder cando entro no supermercado ou nun lugar moi ateigado. Por precaución, xa instalada na vida cotiá. Prudente si, pero desfrutando máis das cores e do carmín na boca.

    Resulta esperanzador imaxinar que todo volverá ser como antes, aínda que hai cousas que xa mudaran para sempre. O desexo de recuperar ese tempo perdido móvenos hoxe, intentando encher os ocos de lecer con novas experiencias, coa ilusión que nos caracterizaba. Queremos viaxar máis, percorrer distintos lugares, aproveitar o presente baixo a premisa do carpe diem. Temos cada vez máis claro o significado do tempus fugit das clases de literatura.

    Sabemos que o covid nos roubou dous anos das nosas vidas. Que a pandemia nos obrigou a facer unha paréntese de tantas cousas que fomos pospoñendo... Agora queremos volver con forza, co maior dos ánimos, compartindo o mellor de nós mesmos cos que máis queremos, coñecendo novas persoas que formen parte da nosa existencia... Agardo que a VIDA volva e o faga con maiúsculas.

    Sen medo, pero aínda con respecto. Custa un chisco deixarse levar porque non nos sentimos de todo seguros nalgunhas circunstancias. O certo é que aprendemos moito este tempo sobre como é a sociedade, sobre como comportarnos. Se houbese outro confinamento (agardemos que nunca máis, aínda que estean a aparecer novas variantes como en EEUU), canto cambiaría a cousa... Xa non somos os mesmos despois do vivido. Sabemos máis e actuaríamos nalgúns momentos de forma bastante diferente.

    É a experiencia a nai da ciencia, non? E aquí tamén se aplica. Agora trátase de intentar recuperar os bos costumes, desfrutando do que nos fai felices de verdade. Estamos preparados? Adiante! VIVIR é o mellor agasallo. Un sorriso, unha aperta, un bico... Que o día a día se encha de ilusións compartidas e de desexos feitos realidade.

    26 oct 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.