Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Nova parcelaria

    CON grandes extensións de terreos agrícolas e masas forestais na nosa comunidade, moito nos afanamos en Galicia en reestruturar e organizar as superficies nun intento de mellorar o aproveitamento do territorio. Quen non escoitou algunha vez falar da parcelaria? Parecera que é cousa da xente do rural, básicamente porque é por onde se estenden as hectáreas e onde se traballan, pero a concentración de parcelas foi e é un proxecto de grande envergadura.

    Ver estes días o que se está a argallar para reordenar as praias de cara a esta estraña tempada estival que nos agarda, marcada polas restricións da crise sanitaria, pareceume un paradoxo. Tanto concentrar en montes e leiras para acabar desconcentrando nos areais. E é que a práctica agora é a inversa, onde todo era liberdade agora hai que dividir e facer cachiños.

    Con tanta delimitación de espazos, veremos se non se produce nas praias unha nova versión dos grandes conflitos veciñais que se xeraban por mor daquelo de mover os marcos. Aínda vai haber que facer escrituras nesta particular parcelaria para solventar os problemas de ocupación indebida, que a bo seguro se van producir nas xornadas de baño na nosa costa.

    E é que en Galicia non somos coma no Mediterráneo, e non só por iso de que o noso mar non permanece quedo e acaba coméndoche o sitio no que tan ben te acomodaras pola mañá. Tamén porque non estamos acostumados a iso de ter que pillar praza no entramado de hamacas perfectamente estructurado ao longo do areal, ou o que é peor, intentar buscar un sitio entre as pequenas áreas que non ocupan estes negocios para non saír escaldado a 20 euros por día.

    Eu son de ir a praias pouco concorridas nas que agardo non ter moito problema, pero cónstame que nalgunhas zonas, con este verán adiantado, xa houbo algún rifi rafe entre a poboación local e a visitante como se dun partido de fútbol se tratara. Eu non sei, pero se teño que ir á prórroga, aos penalties, ou mesmo ao notario coa escritura da miña parcela por un día, se cadra é mellor que me veña buscar o sol á casa.

    31 may 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.