Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Nova reconversión

    LEMBRAN cando no 1982 Felipe González prometeu 800 mil postos de traballo? Lembran o que se berrou durante esa década polas rúas de Galiza: “os oitocentos mil, son para a Garda Civil! Lembran que o que argallaron foi un desmantelamento de todos os sectores produtivos galegos, desde o sector naval, ao agrícola e pesqueiro, e que lle chamaron “reconversión”.

    Pois agora aveciñase unha nova “reconversión” ou, con palabras da UE, “un cambio de modelo produtivo”, para a “recuperación económica”.

    Anunciouno esta semana Pedro Sánchez, con verbas de predicador, e tamén prometeu 800 mil postos de traballo, a crear cos 140 mil millóns de Euros que nos presta a UE.

    Como nos anos oitenta, o diñeiro chega prestado para desmantelar ou potenciar os sectores produtivos que lle interesa aos grande multinacionais e estados que gobernan Europa.

    Tanto no Parlamento Europeo como a Comisión fixaron claramente as prioridades e os “países do norte” incluíron cláusulas que deixan claro que o que se vai facer é á súa comenencia: “ser máis verdes, avanzar no dixital”.

    Baixo este slogan, que tan ben soa, acordaron que un terzo do total do diñeiro prestado dedicarase ao Pacto Verde Europeo e un carto ao “avance dixital”.

    Galiza ten un enorme potencial para facer desa “recuperación” un proxecto de futuro: é unha potencia eólica, unha potencia en enerxía hidráulica, en produción téxtil e en elementos para a construción de automóbiles, e na minería (granito, lousa, seixo...)

    Pero, sobre todo, Galiza é unha potencia agrícola, pesqueira, forestal e en acuicultura... Pero nada disto aparece nas dez medidas presentadas por Sánchez o xoves.

    O que lle falta a Galiza é potencia política, que é o que, finalmente, decidirá a que sectores vai dirixido o investimento dese diñeiro prestado e que sectores quedarán relegados ou desmantelados. O primeiro cabalo de batalla será o novo PAC que se está a pactar na UE.

    Moito me temo que, coma sempre, teremos que defender os nosos intereses na rúa.

    10 oct 2020 / 00:14
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.