Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Novas traxedias e vellos hábitos

    A terríbel explosión nun silo do porto de Beirut, a capital do Líbano, causou máis de 200 persoas mortas e 6 mil feridas, e ademais deixa sen vivenda a unhas 300 mil, debería poñer en primeiro plano a solidariedade internacional, comezando por aqueles países con máis medios económicos e os organismos internacionais. Así parecía ser se temos en conta a chegada inmediata para atender os aspectos máis urxentes, como mínimo, de dous avións de Francia e outros cinco de Rusia.

    Polo tanto, neste contexto, que o Presidente de Francia se apresurase a visitar o lugar e se ofrecese para organizar a axuda internacional era unha noticia que ía no bo camiño. Por desgraza rachouse axiña o engado, porque Macron condicionou a solidariedade internacional a un pacto político, ou sexa a un novo governo feito á súa medida, e puxo como data límite setembro, cando seica volvería de visita ao país. Asemade non se quedou curto nas acusacións cualificando de terrorista ao actual Presidente libanés, Michel Aoun, que por certo foino a recibir ao aeroporto, se cadra porque conta co apoio de Hezbolá (que se enfronta a Israel e ás diversas variantes do Estado Islámico).

    Malia que nun principio se deu como causa do estoupido un incendio provocado pola reparación dunha avaría no silo onde estaba almacenado o nitrato de amonio (que se utiliza como fertilizante), mais esta altura xa se manexan máis hipóteses, mesmo que puidese ser consecuencia dun ataque externo (dun mísil ou dunha bomba). Calquera que fose a causa, malia que non sexa igual, chama a atención a rapidez coa que Francia (ou sexa a a OTAN) utilizou a traxedia para intentar dar un envorco á situación política. Se este fose o obxectivo tería gran repercusión en Oriente Medio e buscaría cercar a Siria. A enorme cantidade de persoas que se axuntou no percorrido de Macron polas zonas afectadas sería porque se alentaron as protestas, xa existentes, nun país moi polarizado?

    Que fose o Presidente de Francia o que fixese esta escenificación en beneficio do bloque occidental ten súa lóxica, xa que tanto o Líbano como Siria foron protectorados deste país un cuarto de século, e despois da independencia mantivo con eles importantes lazos, tamén culturais (1/3 da povoación fala francés no Líbano). Tampouco se pode obviar que as vellas potencias imperialistas seguen tendo certa preeminencia, no reparto global, sobre as antigas colonias, tamén París. Non é casual que haxa tropas francesas en Mauritania, Malí, Níxer, Chad, Burkina Faso, Costa de Marfil, e que unha gran parte da emigración e dos exiliados se dirixan á vella metrópole.

    Para os que pensaban que só Trump ameazaba e trataba aos outros países como se fosen subordinados, o Presidente francés acaba de dar unha lección práctica de que a intervención exterior é unha vella forma de axer de todas as potencias imperialistas, que o presidente de Estados Unidos non ten a exclusiva. Estes son os trapos suxos da Unión Europea, da que axudou a destruír Iraq, Afganistán, Siria, Libia,... Vexase que en ambos casos son presidentes contestados nas súas nacións, nas que a situación económica e social estase a deteriorar rapidamente. Non están en condicións de dar leccións, a non ser mediante a forza.

    A cuestión é, se esta iniciativa de Macron aumentará a desestabilización do Líbano, xa que como engadido estaría o prexuízo da conquista da paz en Siria. As vindeiras semanas son claves, máxime cando o governo dimitiu pola revolta. Implicará que se nomee un novo executivo ou se convoquen eleccións? Na primeira opción: implicaría unha nova maioría excluíndo ou integrando a Hezbolá? Na segunda: gañaría o bloque apoiado por Estados Unidos, Israel e Francia que se sustenta en eludir a súa parte de responsabilidade na crise económica e social? Ou: será un novo intento falido? A forza da protesta non ten porque coincidir co sentir maioritario para a escolla de alternativa. Non se pode esquecer que a crise social foi acrecentada pola non concesión dun creto de 11 mil millóns por parte do FMI (Estados Unidos) que o condicionaba a un cambio político, ao que se engadiu a pandemia do covid-19 (nun país onde o turismo e as finanzas son as principais actividades económicas). Tampouco se pode obviar o rexeitamento á corrupción imperante e a importancia da fragmentación e confrontación relixiosa e étnica.

    O tempo aclarará se a visita de Macron e o estoupido do silo teñen algunha vinculación previa, ou se só foi puro oportunismo e prepotencia imperialista aproveitando a desfeita. Líbano necesita de axuda urxente, os danos foron calculados nunha primeira valoración en 15 mil millóns de dólares. O presidente francés, malia a súa rápida e imperativa intervención, a esta altura só reuniu 250 millóns entre un “grupo de países doantes” dos que non se dan nomes. Non chega nen para comezar... O país necesita ademais superar o reparto confesional do poder. Axudará neste aspecto esta revolta? Estarán os vellos partidos dispostos a realizar estes cambios dado que os pactos tradicionais perderon sustento social e levaron ao país a unha andaina sen saída? Cantas cousas hai por transformar respecto da solidariedade, e dos comportamentos colectivos e individuais, e sobre todo superar un sistema esgotado en todos os ámbitos.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    14 ago 2020 / 00:15
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito