Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Nucleares verdes?

    ERA o único que faltaba para que as decisións da UE lograsen carta de seriedade (ou bulra) absoluta: a pretensión francesa de acceder aos fondos comunitarios -creados para unha transición enerxética verde e sostíbel- para a súa enerxía nuclear, que significa en política o grau máis alto de prepotencia e cinismo en beneficio dos intereses dunha industria instalada, e da que participa maioritariamente, o Estado francés.

    Esta pretensión non vén acompañada de aval científico, esquece a experiencia histórica dos desastres da humanidade, amosa resistencia absoluta ás análises de risco potencial, e, finalmente, ten nula consideración da existencia necesaria de residuos perigosos, cunha vida activa riscosa de miles de anos (é dicer, fóra completamente do control humano).

    De non ser unha pretensión plantexada en serio -e que aínda terá percurso, esperemos que fracasado- só cabería observalo como se dunha boa viñeta de Kiko da Silva se tratase: si, verdes podemos acabar todos, pero verdes como extraterrestres. É recente (2011) o terramoto de Fukushima que provocou o segundo pior desastre nuclear despois das bombas de Hirohisma e Nagasaki (agosto de 1945, con 340.000 persoas asasinadas), naquela parte do mundo.

    Está presente na historia recente da Galiza o papel relevante da loita ecoloxista fronte aos vertidos de residuos nucleares na fosa atlántica. ADEGA, nomeadamente, e outras organizacións ecoloxistas e políticas levaron a cabo unha importante campaña en contra dos vertidos incontrolados fronte ás costas galegas. Con antelación, as campañas nacionalistas lograron impedir a instalación en Xove dunha central nuclear.

    Semella que Xapón, Fukushima neste caso, é lonxincuo, mais o planeta Terra é un só, e non nos é alleo nada do que suceda, aínda que haxa miles de quilómetros de distancia: o millón de metros cúbicos de auga contaminada despois do accidente, na central nuclear de Fukushima, non están nun estanque, e a afectación oceánica é mundial.

    Quedou en evidencia que a seguridade das centrais nucleares sobarda a capacidade humana de control, mesmo nun país como Xapón afeito ao máximo risco: os terramotos, explosións volcánicas, maremotos e tsunamis forman parte da dotación natural do seu territorio.

    É imposíbel non lembrar os 36.000 evacuados, os mortos de afectación directa, os afectados de cancro de tiroides tratados hoxe, e o custosísimo mantemento da central nuclear para que non continúe explosionando.

    E un pouco menos recente, pero igual de significativo como medida da soberba humana neste tempo, é o accidente de Chernobil (abril de 1986): en 2018, Victor Sushko, subdirector do Centro Nacional de Radiación (NRCRM) descrebeu Chernobil como “o maior desastre creado polo home en toda a historia”.

    Hoxe en día, Ucrania paga pensión de viuvedade a 36.525 persoas consideradas directamente afectadas. Os pseudo-argumentos científicos de incremento da seguridade no presente, propagados polos turiferarios a soldo das empresas nucleares, non poden opacar, esconder ou terxiversar unha evidencia: non existe de momento capacidade humana de controlar as situacións de risco posíbel nas centrais nucleares, nen de eliminar os efectos nocivos dos residuos xerados no seu funcionamento.

    Neste campo o dominio humano da técnica non alcanza o nível do monstro creado.

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito