Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O actual galimatías político

    SIRVA o termo caótico para llelo aplicar aos múltiples efectos da pandemia na situación política coincidente coa crise sanitaria e económica. Nun Estado democrático moderno, o poder auténtico non se manifesta en baleiros discursos parlamentarios nin en proclamacións reais, senón no funcionamento da Administración, tantas veces malamente influída pola súa dependencia indirecta dos partidos políticos.

    A democracia elimina, de seu, a administración levada por notábeis, terratenentes ou patricios que obteñen os cargos por herdanza ou recompensa, a favor de persoal especializado, funcionarios de carreira, expresamente preparados para o seu traballo. De maneira distinta a como ocorre na administración pública e mesmo no ámbito económico, no seo dos partidos téndese a unha burocratización cargada de rivalidades interesadas.

    Hoxe, os partidos non son máis que un núcleo conxuntado de membros, cunha estrutura baixo a dirección dun xefe ou grupo de notábeis, cunha burocracia desenvolvida, que se financia coas cotas dos afiliados ou aportacións de mecenas e simpatizantes por razón de “intereses económicos” ou reparto de cargos.

    En realidade, os partidos, a diferenza doutras institucións estatuídas de xeito estábel, por lei, por contrato... non son, por esencia, e por máis medios que utilicen para unha vinculación permanente dos seus seguidores, máis que organizacións de carácter libre que funcionan sobor da base do recrutamento voluntario, ao que necesariamente teñen que recorrer a miúdo, de maneira acredora de vaivéns puramente políticos, a fin de conseguir votos para ocupar cargos políticos ou entrar en institucións ou órganos electivos.

    Pode que a un lle resulte moralmente censurábel a existencia deste xeito de gañarse a vida e batérense para gañar adeptos, e peor aínda o feito de que sexa, dentro da organización, sempre unha minoría a que confecciona os programas e as listas de candidatos. Porén, e xa que non se pode eliminar o sistema de partidos, pódese atacar a súa estrutura, financiación e modo de actuación.

    O actual galimatías xerado en ámbitos políticos e partidistas estatais como o que levamos visto en Cataluña, Murcia, Madrid... mostra o enredo pseudo-democrático ao que se está a abocar á sociedade dende a incompetencia parlamentaria e a ineptitude da xestión administrativa de membros de partidos no goberno ou no cotarro da oposición. É acaído aquí o dito por Weber de que non é o conxunto multicéfalo do Parlamento en canto tal o que pode rexer e facer a política, pois, como se está a ver, hai unha ampla masa de deputados que actúa exclusivamente como séquito dos líderes que integran o seu partido, seguíndoos a cegas mentres teñan éxito e mudando segundo as ofertas.

    Por iso, o que hoxe debemos pedirlle aos representantes do Estado, non son declaracións grandilocuentes nin proclamas partidistas, senón actuacións administrativas eficaces que permitan a volta ao normal decorrer da vida cotiá da poboación e a rápida recuperación económica do país.

    25 abr 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito