Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O ‘Avó’ xa estaba alí

    RELÍN nestes días o artigo Encol do elemento animal na paisaxe de Otero Pedrayo, onde o autor confesaba que non podía afastarse “da suxestión do tema da Paisaxe. Considero ser de valor esencial non só para a interpretación xeográfica senón para a psicolóxica das culturas”. E remoendo nesa idea de comuñón entre paisaxe e pobos e na relación entre natureza e ser humano, fun enfiando soutos, pradaríos e carballeiras. Fixen un relanzo mental e detívenme ao pé de árbores senlleiras como as sequoias xigantes do xardín botánico de Padrón, dei un chimpo ata a figueira da Casa-Museo Rosalía de Castro e empoleireime no Avó, como se coñece o gran carballo de Conxo.

    Situado no treito final do Camiño portugués, conta con máis de 250 anos de idade, trinta metros de altura e case catro de perímetro de tronco. Un exemplar que conseguiu os votos necesarios para ser nomeado Árbore de España 2022 e, ademais, ser candidato a Árbore europea 2022. Un carballo maxestuoso que non é só un pulmón para a contorna senón que foi testemuña –e segue a selo–, como outras árbores centenarias que aínda nos acompañan, de numerosas vivencias individuais e colectivas, que forman parte da nosa herdanza natural e social.

    A carballeira de Conxo irá unida sempre á celebración do famoso Banquete de Conxo. Foi o 2 de marzo de 1856, coincidindo co décimo aniversario dos Mártires de Carral (sublevados que se rebelaron contra o ditador Narváez e morreron asesinados), cando nesta carballeira se convocou, por iniciativa do galeguista Aurelio Aguirre, unha xuntanza de confraternidade entre distintas clases sociais (estudantes universitarios, artesáns, obreiros...).

    Os estudantes, considerados clase alta, serviron aos obreiros e pronunciáronse diversos discursos que seguen mantendo a súa actualidade. O acto foi considerado polas forzas vivas todo un escándalo e unha auténtica provocación; de feito, algúns dos asistentes como o mesmo Aguirre ou Pondal, foron procesados na Audiencia da Coruña e libráronse de seren deportados... ás illas Marianas!

    Un banquete democrático, símbolo de igualdade social e de respecto, nunha época caracterizada xusto polo contrario. Unha xuntanza que se converteu nun dos primeiros actos do galeguismo onde compartiron mesa e discursos intelectuais que impulsarán o Rexurdimento como Pondal, Luis Seoane ou Aurelio Aguirre.

    Daquela, o carballo de Conxo xa estaba alí . Asistía a un momento histórico para o galeguismo e para Galicia. Seica... desde o alto, o Avó berraba “Ei, carballeira!”.

    10 dic 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito