Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O BNG e a independencia

    TEÑO presenciado como vellos militantes do BNG engurrumitan o fociño cando as novas camadas da organización seguen a consigna de grupellos e se suman ao berro de “independencia, independencia”.

    Algunhas destas organizacións que enarboraban a bandeira da “independencia”, non tiveron logo reparo en unirse con forzas estatais nunha mesma conxunción de intereses. Algunha destas persoas independentistas, mesmo defenderon no seu día a imposibilidade de contar con forzas sindicais propias, para non rachar a unidade da clase obreira.

    Asistín a propostas de definir ao BNG como “independentista” que enmascaraban unha liña política que arroupara ou sustentara a violencia. Nalgúns congresos da UPG, a finais dos anos oitenta, existiron tamén propostas bastantes sólidas para que o partido se definise como “independentista”.

    Lembro unha contestación de Bautista Álvarez afirmando que a palabra “independencia” era “moito menos concreta que soberanía nacional, pois hai moitos países no mundo que, formalmente, son independentes pero, na práctica, non son soberanos”.

    Penso que, nos últimos anos, dentro do BNG, medrou unha sensación-sentimento, de que non se pode facer nada “con España”.

    Pero tamén é certo que, desde o mesmo nacemento do nacionalismo nos anos sesenta, pasando polo setenta e as famosas Bases Constitucionais, a esta última Asemblea Nacional do BNG, as mentes pensantes do nacionalismo teñen a certeza que, dada a conciencia nacional e o poder electoral, propor hoxe a “independencia” non deixa de ser unha brincadeira política. Iso non quer dicir que no BNG non haxa militantes que aspiren á independencia, como os hai federalistas e confederais, por iso é unha fronte e non un partido político.

    No que si que están todos de acordo é que son nacionalistas e, que, polo tanto, defenden non so o dereito de autodeterminación senón tamén a plena soberanía.

    É moi pándego ver como algúns estereotipan ao BNG como independentista, e, logo, cando mostra o seu ideario, montan o balbordo “do xiro”.

    13 nov 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.