Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O deterioro do sistema sanitario

    O pleno da xunta do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra aprobou hai uns días romper relacións coa Xunta ata que cambie o equipo directivo da consellería de Sanidade pola súa “ineficacia e falta de seriedade”. Os facultativos denuncian que a xestión do goberno galego é a responsable do “gravísimo deterioro” que está a sufrir o sistema sanitario galego especialmente en atención primaria.

    Son os propios médicos os que acusan á Xunta de mentir e incumprir as súas propias promesas, como o plan de atención primaria anunciado no ano 2019 e aseguran que situacións como a falta de médicos e a delegación das súas funcións en farmacéuticos ou enfermeiros están xa normalizadas.

    Xa non estamos ante un debate político, estamos ante unha realidade social que denuncian os propios médicos e que pode comprobar calquera persoa que precise acudir á atención primaria. Estase a normalizar algo que non ocorrera nunca no noso país, como a falta de médicos ou de pediatras en centros de saúde ou existencia de listas de espera na atención primaria.

    Non podemos resignarnos ante a situación que se está a vivir na sanidade galega nin quedarnos calados como sociedade cando se está a desmantelar o noso sistema sanitario. Os socialistas non o faremos e por iso o noso secretario xeral, Valentín González Formoso anunciou a oposición frontal e contundente do PSdeG contra axenda oculta de desmantelamento de sistema sanitario galego que ten o PP na Xunta, aos que acusou de querer facer do Sergas un “Amazon Sanitario Galego”, un sistema sanitario onde prima a precariedade laboral sen contacto cos pacientes.

    O goberno galego segue nesta materia o ritmo que marca Ayuso, que ten máis capacidade de decisión sobre as políticas da Xunta que o propio Rueda, como xa se puido ver trala bonificación patrimonial aos millonarios que copiou de Madrid.

    Os socialistas denunciaremos en todos os foros a axenda oculta da Xunta para a privatización do Servizo Galego de Saúde que leva a situacións límite como a ter PACs onde non hai médicos, pediatras ou persoal de enfermaría, como no caso da área sanitaria do Salnés. O comité de expertos en sanidade do PSdeG reunirase para valorar distintas medidas alternativas, así como para estudar se as accións da Xunta poden ter responsabilidade xurídica tal e como indica o Colexio de Médicos de Galicia.

    30 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito