Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O diálogo, entre persoas

    CHAMAR por teléfono pode ser un suplicio, un verdadeiro calvario que remata na desesperación, na perda de moito tempo e, despois de esgotar a paciencia, pode chegar ao odio a esa maldita máquina que non entende nada, por moita intelixencia artificial da que presuma o seu creador. Estamos nos novos tempos, nos tempos da inmediatez, ao bordo da loucura. Aos cidadáns obríganlles a servir aos intereses das tecnolóxicas, a consumir, pagar e calar.

    Eses paisanos de calquera aldea da Galicia rural, daqueles que tiñan que andar quilómetros para poñer unha conferencia e falar co seu fillo ou coa súa irmá, emigrantes en Bilbao ou en Barcelona, non dan crédito do que acontece. Nunca pensaron que as conversas serían entre a persoa e a máquina. Pero, aí está a realidade adiantando á ficción.

    Os expertos dicían que cada dez anos cambia a forma en que as persoas interactúan coa tecnoloxía e así é, cambio permanente, para ben ou para mal. Agora non se fala por teléfono, fálase co teléfono, fánselle preguntas en voz alta e responde, con ton o suficientemente elevado, para que todos os que estean na sala saiban a resposta, as máis das veces, acertada. Intentan humanizar á máquina e conseguen tratar, como se fosen máquinas, ás persoas. Que mágoa!

    A máquina manda e quen a leva no peto obedece e segue os seus ditados. Espértate pola mañá, diche o que tes que facer cada día, a hora exacta de saída do tren, o prezo da gasolina, os lugares para comer ben ou a onde podes ir de compras e, se é o caso, de vacacións. Dio todo e todo o ordena. A un amigo solteirón, díxolle onde podía atopar noiva, conforme aos gustos expresados nunha conversa previa e en confianza. A calquera que queira, organízalle as fotos de calquera viaxe, indicando todo tipo de detalles.

    Poida que a sociedade teña que dialogar coas máquinas, atender aos donos das máquinas, converterse en máquina e cada un dos cidadáns pensar como os donos da máquina queren que pense. Poida que ocorra calquera cousa. Quen sabe? E poida que tivera razón o neurólogo estadounidense Steve Polyak cando dicía que “antes de traballar en intelixencia artificial, cómpre facer algo sobre a estupidez natural”.

    Algo hai que facer! Quérennos como consumidores, como clientes, como seguidores e como público aplaudidor. Pois, seguindo á Tía Manuela, temos que dicirlles que non, que “o diálogo faise entre persoas”.

    04 may 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito