Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O G7 e a Galiza (I)

    O pasado día 7 coñecemos a Resolución de Obra Civil da Sala de Competencia da CNMC (Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia) pola que se resolveu impor unha sanción de máis de 203 millóns de euros a seis empresas da construción (as máis poderosas do Estado, amais de multinacionais) que son Acciona, Dragados, FCC, Ferrovial (Lantania), Obrascón (OHL) e Sacyr (Nesta historia de inframundo protagonizado polos excelentes das grandes empresas facíanse chamar G 7).

    A sanción é o resultado da investigación levada a cabo –opinamos que de forma laboriosa, impecábel e municiosa– que concluíu en determinar que ”Se declarou a existencia dunha infracción moi grave (art. 62.4 da Lei de Defensa da Competencia) que poderá ser sancionada até cun 10% do volume de negocios a nível mundial das empresas infractoras no exercicio anterior ao da imposición da multa, neste caso 2021”.

    Unha vez examinadas as prácticas aniquiladoras da competencia durante 25 anos, nos procedementos de licitacións de obra pública, demostrados os acordos entre empresas para se beneficiaren e eliminaren do mercado calquer/caisquer outro/s posíbeis competidores, de conseguir avantaxes proprias que eliminaban as condicións de igualdade de acceso aos concursos públicos, acórdase impor unha multa que individualizada é: para Acciona 29,4 millóns de euros; Dragados, 57,1 M euros: FCC, 40,4 M euros; Ferrovial, 38,5 M euros; OHL, 21,5 M euros e Sacyr 16,7 M euros.

    A Resolución é un gran documento, parte da historia económica de España máis próxima aos nosos días. Creo que vai ser estudada en clases prácticas de economía para ensinar –de forma fidedigna– o que é o mercado, visto en contratipo. A Sala da Competencia realizou en función dos seus propósitos un labor competente.

    Deixando por agora fóra de consideración o que non se investigou, hai un aspecto pouco explicado no cálculo da sanción. Sabido que pode acadar até o tipo do 10% do volume de negocios –mundial– das empresas en 2021 e que este foi determinado en máis de 8.000 millóns de euros, o monto da sanción, seguindo ese criterio, superaría en case tres veces a imposta.

    Non obstante, o sancionador elexe outra cifra para o seu cálculo e determina tipos aplicábeis de forma individual para cada empresa –nengún supera o 6,4%– sobre unha base de cálculo do volume de negocio das empresas vinculado coa licitación pública, que é menor (ano a ano) que o seu volume de negocios total e desa base e mais dese tipo resulta (?) a sanción de aproximadamente 203 millóns no seu conxunto.

    A pretendida proporcionalidade ao sancionar fica en entredito porque non se coñece a base de aplicación do tipo acordado. Semella, porén, que o seu carácter disuasorio ficou completamente esquecido. 29 millóns ou 57 para calquer desas empresas non garda proporción nen é cifra disuasoria.

    Sexa cal for o percurso final deste proceso, marca un fito na evolución e historia documentada dunha parte das empresas que marcaron o camiño, o deseño e as condicións da contratación pública no Estado español. Ten ademais a relevancia de achegar unha luz ao coñecemento da praxe empresarial dun segmento moi poderoso: en si mesmo, nas súas conexións, nas súas influencias e que amosa os forros do carácter retardatario da súa conduta.

    Non se enxergou que de tais acordos se tivesen producido avanzos tecnolóxicos partillados, nen melloras na capacidade xestora empresarial, nen colaboración para o crecemento do tecido produtivo asociado nen avanzos no deseño de infraestruturas: simplesmente foi o acordo tipo caciques reproducindo década após década prácticas empresariais nadas na autarquía. (Continuará).

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.