Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O G7 e Galiza (e II)

    DECÍAMOS no artigo anterior que a Resolución da CNCM –con resultado de multas a seis constructoras– ten un valor moi interesante, non tanto polo seu efecto final sobre a competencia no mercado de licitacións de obra pública, ou na evolución das empresas atinxidas, senón pola forza probatoria dunhas prácticas empresariais non lexítimas.

    A demostración de mala praxis atinxe a seis das máis grandes construtoras españolas con presencia na economía mundial: diríamos que son compañías multinacionais con negocio en moitas outras economías tanto en Europa como noutros continentes, catro delas sitúanse entre as 15 primeiras de Europa (UK incluído); o seu volume de negocio e máis os empregos suman nun caso máis de 29.000 millóns de euros (considerando os grupos empresariais de todas, agás Dragados) e aorredor de 250.000 empregados en todo o mundo.

    A importancia destas compañías sobarda con moito este raseiro de cifras sobre actividade anual, empregos ou capitalización en Bolsa, xa que na maioría dos casos pertencen a grupos empresariais –grandes conglomerados– con actividade en moitos outros sectores económicos con implantación noutras ponlas da economía pública e/ou de interese público.

    É dicer, non se trata só dos acordos de reparto entre seis grandes empresas construtoras senón do grado de influencia, posición dominante, ou capacidade de determinación nos outros sectores de actividade onde están presentes: enerxía, servizos ás cidades, servizos ás persoas, auga e o seu tratamento, bens inmóveis, sector financeiro,... é dicer o carácter estratéxico desas actividades da conta da transcendencia –para ben e para mal– da cultura empresarial de grupos afeitos a conseguir condicións de contrato en posición preferente desde a perspectiva da propria empresa e non –como sería de desexar– do ben público tutelado polo Estado.

    En relación á posición de Galiza fronte a estas empresas non é tan relevante o número de casos de obra adxudicadas baixo acordo como o exercicio de poder noutros contratos cos entes locais, nomeadamente: na distribución e tratamento da auga potábel, no tratamento dos residuos sólidos urbanos, nas residencias de vellos, na infraestrutura e servizos de transportes de persoas no espazo das cidades, na xestión de bens inmobeis, no da enerxía, nos portos aeroportos e servizos asociados, centros de datos (macrocentros)...

    Hai unha constelación de contratacións públicas de servizos fundamentais que están nas maos de empresas dos conglomerados nos que as construtoras se integran, e como é lóxico, o coñecemento, capacidade e tamaño desas compañías son elementos que xogan exclusivamente a favor delas e non do ben público que semella ás veces, vicario do poder das compañías.

    Hai aínda outro aspecto da Resolución que ten o seu interese, pero está máis ben por tras do que se investigou: é o que NON se investigou. A CNCM ten un estatuto legal debedor tanto da lei como do degrau de consenso social a respeito do que está ben e do que está mal na praxis empresarial. E mal, podemos considerar, lesión do erario público ocasionado por má adxudicación.

    Un último aspecto, aínda no limbo das normas futuras, é a valoración do que podería significar para o erario público, unha xestión transparente e competitiva nos contratos adxudicados, que tantos fondos públicos absorben, ano a ano.

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.